“Existe unha maxia que flúe coma un río, a través de todas as cousas”, Ula e Vinca (2023).
Desde tempos antigos, as historias de maxia teñen alimentado a imaxinación da infancia, abrindo portais cara a mundos onde o imposible se volve cotián. No eido da literatura infantil e xuvenil, a banda deseñada constitúe un soporte privilexiado para este tipo de narrativas, combinando a forza visual co poder suxestivo da palabra. En Galicia, asistimos nos últimos anos a unha fértil confluencia entre maxia, tradición e creación gráfica, da man de autoras e autores que están a redefinir o imaxinario fantástico para novas xeracións. Imos facer un percorrido por algunhas obras onde as bruxas, as meigas e outras
figuras femininas se erixen como protagonistas deste universo máxico.
A banda deseñada, historieta ou cómic é un formato narrativo que mestura texto e imaxe cunha linguaxe propia e un enorme potencial visual e creativo. Vai dende a tira cómica ata a novela gráfica ou o manga, e constitúe unha das formas máis versátiles e expresivas do relato visual.
Deixaremos de lado o seu inmenso valor didáctico ou as influencias foráneas, para centrarnos nas publicacións recentes feitas en galego, cun fío temático común: a maxia.
Tradicionalmente, este xénero caracterizouse pola capacidade de crear mundos imaxinarios e atmosferas fantásticas. Esta potencialidade vese reflectida hoxe no panorama editorial galego, que ofrece propostas moi ricas e diversas neste eido. Alén diso, destaca a presenza crecente de ilustradoras e creadoras de
banda deseñada, que introducen con forza temáticas como a das bruxas, as feiticeiras e outras figuras femininas de grande poder simbólico. Son historias que achegan ás crianzas referentes potentes e transformadores.
Como afirma Luengo, revisando a Caro Baroja (2015): “A dramatización é esencial. Máis esencial aínda se admitísemos a tese de Malinowski de que a maxia é unha resposta á sensación de desesperanza que ten o home ou a muller nun mundo que non poden controlar”. Nas historias que repasamos, vemos precisamente iso: unha posta en valor da maxia vencellada á natureza, á memoria e á tradición, mais tamén unha subversión dos roles convencionais e unha reivindicación da presenza feminina.
Comezamos coas publicacións de Antela Editorial dentro da súa colección O Galo Pinto, unha aposta firme pola banda deseñada galega:

- En Erea e as agullas máxicas de Sarai Lorenzo, e Ula e Vinca de María Brenn, atopamos unha maxia fondamente conectada coa natureza e coa sabedoría ancestral.
- A busca de Muncho de Tiago Delgado e Avelaíña, o camiño á illa de Bea Gregores ofrecen aventuras individuais ou colectivas, con estilos diferenciados: máis tradicional e naturalista en Avelaíña, pero sempre cun fondo máxico.
- En Miquits visita a casa da ávoa, achégase a figura das bruxas tradicionais desde unha perspectiva familiar e lúdica, resaltando a herdanza máxica e a presenza de animais simbólicos como os gatos.
Esteticamente, a tradición reflíctese en Erea, Ula e Vinca e Avelaíña, mentres que Muncho e Miquits ofrecen propostas máis divertidas e accesibles, sen perder a coherencia co contido máxico.
Dentro do Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético, impulsado por Xerais, atopamos:

- Noa e a cidade máxica de Angie Roa, con estética colorida e unha protagonista que descoñece os seus orixes máxicos, pero que debe reivindicalos para defender o equilibrio do seu mundo.
- O caderno de Rama de Anxel con X, cunha proposta máis sombría e introspectiva, onde a maxia se manifesta a través dos debuxos do protagonista, que cobran vida nun contexto de forte carga emocional e social.
Cumio Editora ofrece con A predición de Aloia de David Lorenzo unha ollada á maxia das lendas e mitos celtas, protagonizada por unha figura feminina poderosa que, sen ser bruxa, canaliza as forzas ancestrais da terra e da memoria.

Galaxia Editorial propón unha liña xuvenil con tintes máis escuros e referencias á mitoloxía contemporánea:

- Sentinelas da Lúa Carmesí (2023) e Sentinelas no limiar das tebras (2025) de Andrés Castro, Ozo Perozo e Alexandre Senande mesturan maxia, bruxas, seres fantásticos e unha estética inspirada no cómic clásico e no cinema dos 80 e 90. Son propostas máis orientadas ao lectorado adolescente.
Finalmente, Demo Editorial achega dúas obras cun forte compoñente ecolóxico e simbólico:

- Aldara, a lenda do cervo branco de Inés Vázquez mergúllanos nunha historia de loita entre o ben e o mal, con forte carga de fantasía e simboloxía.
- Maia e a troita perlada de Lucía Cid propón unha maxia máis naturalista, centrada na relación co medio e cos seres máxicos que o habitan.
Ambas historias presentan protagonistas femininas que conectan co mundo natural e espiritual, cun tratamento estético coidado e coherente coas temáticas tratadas.
A maxia na banda deseñada galega para público infantil e xuvenil non é só unha estética ou un recurso narrativo: é unha ferramenta de resistencia cultural, un fío que une pasado e presente, tradición e modernidade, imaxinación e realidade. As autoras e autores que hoxe debuxan estas historias están a recuperar e reinterpretar o poder simbólico das lendas e do territorio, ofrecendo ás lectoras
e lectores máis novos referentes de forza, beleza e creatividade. Nun mundo cada vez máis tecnificado e afastado da natureza, estas obras funcionan como chiscadelas de esperanza onde a maxia non é evasión, senón coñecemento, memoria e liberdade.