María Lado era unha moza miudiña duns dezasete anos cando empezou a curtirse nisto de intentar facer chegar a poesía a todos os públicos por bares e palcos de festa da Costa da Morte, xunto ao Batallón Literario. Sabe como comunicar, a novas e a vellas, a paisanos e adolescentes, mesturando versos con humor e fonduras. Como fiaban as pandereiteiras. É ao final, o que fai na súa obra Canta miña compañeira: O legado das cantareiras, pensada para público infantil, pero cargada de información que a fai petisco gorentoso para todos os públicos, sobre todo neste ano dedicado a aquelas tataravós das que tan orgullosas estamos.
O teu libro está publicado na colección infantil Merlín. Como fixeches para adaptar tanta información, sobre as cantareiras e o seu contexto, a un público tan novo?
Procurei contar con palabras sinxelas, basicamente como llo contaría ao meu fillo pequeno, que ten oito anos. Debeu funcionar porque o feed back que teño, incluso de persoas adultas, é que a lectura é moi fluída e agradable. Ten un punto didáctico, pero creo que non se fai pesado. Por momentos, tamén ten un pouco de sentido do humor… Pensei na miña experiencia como nai.
As cantareiras xa non son nin sequera as avoas das nenas e nenos actuais, senón xa unha xeración anterior coa que non tiveron contacto. Como de afastado lles queda ese mundo?
Hai unha distancia grande no tempo e, por veces, tamén no espazo, dependendo a onde vaias, mais non lles resulta incomprensible porque algúns referentes si que teñen. Non son nenos fineses, que nunca viron unha pandeireta na vida. A distancia non é tanto co concepto de pandereiteira ou de cantareira como cos traballos agrícolas e os tempos que marcan aqueles traballos que se facían hai ao mellor xa tres xeracións.
O teu libro céntrase moito, precisamente, nese contexto…
Nós, que somos doutra xeración, ou que fomos criadas en vilas ou aldeas, temos aínda o referente dese contexto, temos unha imaxe visual, e eu creo que era importante marcar ese contexto para o público infantil e xuvenil pois é fundamental para entender como se desenvolve a actividade das pandereiteiras.
As cantareiras son poetas do popular. Ti es poeta pero cunha formación culta. Que supuxo para ti que o Día das Letras se lles dedicase a elas?
Eu creo que a Academia aí acertou. Sorprendeume e pareceume ben que a Academia as escollese, primeiro polo feito de ser mulleres, polo feito de seren as protagonistas, porque poderían ter escollido a calquera persoa que fixese un cancioneiro no que se recollesen esas coplas. E por outro lado, eu creo que é importante que a Academia se fixe na literatura oral porque, ao cabo, a literatura galega mantívose viva na oralidade durante tres séculos, os Séculos Escuros. Rosalía escribe Cantares Gallegos a partir de coplas populares. Negarlle á literatura popular esa entidade de literatura sería como negar a Rosalía. Os contos de Castelao son contos que se poden ler en voz alta porque teñen unha estrutura de narrativa oral. Os autores do Rexurdimento ou da Xeración Nós non serían o mesmo sen non tivesen contacto coa literatura oral.
Está presente no teu libro necesidade de revalorizar o papel das mulleres na nosa cultura popular, que tardaron en ser recoñecidas e mesmo foron invisibilizadas…

É algo que ocorre habitualmente coas cantareiras, que adoitan ser invisibilizadas. Normalmente, as pezas dos gaiteiros levan o seu nome xa no título, e coas cantareiras non ocorre isto ata que chega Dorothé Schubarth, ou tal vez Alan Lomax, que creo que tamén cita as persoas informantes. Cómpre ter en conta esa vontade de poñer os nomes propios das cantareiras por parte da Academia, de facelas visibles, aínda que coido que os propios estatutos do Día das Letras esixen que se lle dedique a persoas en concreto. De todas as maneiras, creo que a vontade da Academia sempre foi individualizar estas mulleres e chamalas polo seu nome e apelidos.
Respecto a esa invisibilización das mulleres creadoras, citas no teu libro a tese de Ría Lemaire, que di que a autoría das cantigas de amigo era realmente feminina aínda que fosen recollidas e asinadas por homes…
Foi algo que estudei cando fixen a carreira e pareceume interesante destacalo porque o escoitei logo comentar moi poucas veces. Pareceume interesante que se comentase, incluso nun libro coma este, para público infantil e xuvenil. Coido que non sería estraño pensar iso porque mulleres que se dedican á produción literaria hainas en todas as épocas Por iso o quería poñer e por facer visible toda esa invisibilidade á que a historia acaba condenando as mulleres autoras.
Varias das mulleres homenaxeadas (as pandereiteiras de Mens e Eva Castiñeira) eran da Costa da Morte. Érache coñecida a súa historia?
Ata as Letras non coñecía a ningunha delas. Si que teño escoitado falar de diversas experiencias de recollida na Costa da Morte. Cando estaba de estudante universitaria en Santiago andaba con xente do folk, ía a unhas foliadas que se facían na Sa do Penal e como pandereiteira afeccionada. Si que sabía que había moita xente que recollía na Costa da Morte porque había moito material pero nunca escoitara falar delas.
Na dualidade entre a preservación conservadora da tradición ou a revisión de certos aspectos (a presenza do castelán, o sexismo nas letras…), onde te sitúas?
Non teño necesidade de situarme en ningún sitio. Dende o punto de vista sociolóxico está ben que se recollan as cousas tal cal porque iso tamén debuxa un ambiente lingüístico. Por exemplo, hai moitas coplas en castelán relacionadas coa relixión (santos, milagres…) porque cada lingua ten o seu uso. Hai moitas outras que son en castelán porque veñen de Castela, da xente que migraba para realizar labores agrícolas. E outras efectivamente son froito da situación de diglosia e da situación de lingua B do galego. Se eu estivese alí sentada na Real Academia e tivese que facer unha escolma de cantigas para publicar no día das Letras Galegas non seleccionaría as que están en castelán porque consideraría que pertencen ao sistema literario castelán e é algo do que o sistema literario castelán se ten que preocupar. Eu, cando estaba escribindo o libro, as coplas que escolmei como exemplo estaban en galego.

Ti escribes para público adulto e tamén para público infantil e xuvenil. Que custa máis?
Podes cambiar o punto de partida, a expresión, pero canto a proceso non creo que haxa moita diferencia. De feito, cústame o mesmo traballo, que é moito.
Como poeta e divulgadora da poesía, como coidas que se debe achegar a poesía ao público infantil
Non o sei. Eu creo que hai unha obsesión por achegar a poesía ao público infantil, que coido excesiva pois a poesía ten moitas capas. Creo que a mellor maneira de acercar a poesía ao público infantil tamén é a través de achegar as imaxes, as metáforas, os xogos, os ritmos… sen ter que basearse sempre na rima , que é a maneira máis sinxela, que tamén valoro moito aínda que non a traballo. Coido que é máis acertado e unha maneira máis activa na que ese público pode crear: non só lerlles senón facer máis participativa esa aproximación á poesía.
E como facer que o público adolescente se interese pola poesía?
O público adolescente xa ten un pouco máis de bagaxe lectora, xa usa metáforas na vida na vida, así que non debe ser moi distinto que co resto do público. Hai que espertar ese interese porque a poesía sexa algo que ti poidas empregar para comunicar. Levo desde os dezasete anos recitando en institutos sen parar. Eu creo que é básico que haxa un envoltorio ao redor do poema que sexa atractivo e logo presentar o poema como algo aprehensible por calquera. Tamén que ese público vexa que pode utilizar a poesía para comunicar coa súa propia voz. Eu creo que iso é fundamental.
Na túa experiencia en Aldao Lado, intentastes achegar a poesía a públicos que en principio non son afíns. Como naceu en vós ese interese de dar a ver que “ninguén morreu de ler poesía”, parafraseando o voso poemario?
Comezamos Aldaolado en 2005. Eu xa levaba moitos anos facendo institutos e viña da experiencia de recitar no Batallón Literario da Costa da Morte. Dezasete anos debía ter cando empecei, e recitábase moito, e para público nada propenso a ir un recital: en festas, palcos de orquestra, bares nos que a xente estaba tomando copas ou xogando a partida… Era un público realmente moi difícil. Eu traía moitos anos ao lombo de recursos propios adquiridos á forza de intentar chegar a aquela xente que non ten interese por verte. Xa tiña xerado moitos recursos, como a narración antes do poema, o humor… Son recursos que despois empregamos en Aldaolado. Aínda que xa non traballamos en Aldaolado, eu sigo traballando nesa liña porque ademais é o que me mola, que quen non esperaba atenderte, te atenda e o goce.
Agora segues facendo institutos, María?
Si.
E como é ese traballo con adolescentes, no contexto actual, no que están inmersos e inmersas no mundo do inmediato e das novas tecnoloxías?
Hai que buscar os ocos polos que entrar a comunicarte con este público. Incluso á xente á que non lle interesa, se es capaz de enganchala a través dalgún comentario, algunha movida que conte, acaba respectando ese momento no que recitas porque non te ven como alguén ao que enfrontarse. As miñas experiencias sempre son moi agradecidas.
Rematas o teu libro sobre as cantareiras facendo referencia á necesidade de coller a remuda: “Agora vén a remuda. Tócache cantar a ti”. Coidas que será posible? Que cumpriría facer para que sexa posible?
Se soubese que hai que facer para que fose posible esa remuda sería directora xeral de Política Lingüística. Cómpre efectivamente que unha implicación e uns programas públicos que funcionen e que haxa interese en que funcionen, e que haxa soporte dos medios, de toda a sociedade e das institucións implicadas.
Como tería que ser a mensaxe que lles fixésemos chegar ás xeracións novas?
Algo que poña en valor que saber unha lingua é algo que te fai máis intelixente, máis guapa, que sempre é unha valor engadido. Incidir en que ser unha persoa curiosa e interesarte por calquera lingua, aínda que sexa unha lingua morta ou a piques de esmorecer, é algo co que ti saes gañando, e non poñer sobre os ombros o peso nin do país, nin da nación, nin da patria, nin de nada. A maior parte da xente das xeracións novas non se senten identificadas coa lingua porque a súa lingua nai é o castelán e non pasa nada, hai que respectalo.