Jacques Prévert foi un poeta francés , escritor autodidacta, que gozou dunha enorme popularidade en Francia. Non só moitas das súas poesías eran, e son, recitadas par coeur (os portugueses din aprender de cor, que se cadra nós, que dicimos de memoria, deberiamos adoptar) polo alumnado nas escolas, senón que ademais proporcionou letras para cancións de músicos famosos e asinou guións de filmes de éxito dirixidos por Marcel Carné (Quai des brumes, 1938; Le jour se léve, 1939; Les enfants du Paradis, 1944). Foi, en fin, un creador literario que non se refuxiou no retiro do seu escritorio, senón que non eludía a intervención na vida social. Se cadra, por iso hoxe a súa poesía é vista nalgúns medios intelectuais como “fácil”, demasiado accesible para todos os públicos, coma se unha certa “escuridade”, e aínda “cripticidade”, fose condición indispensable para merecer o recoñecemento de gran poeta. Poesía que pode ser comprendida, e polo tanto amada, por todos. O libro que aquí comento, un álbum ilustrado presentado co exquisito coidado que é marca da casa editorial, forma parte desa vertente de intervención social do poeta. Como se nos explica na indispensable nota final (que non aparece asinada, así que se debe atribuír á propia editora), Prévert foi convidado pola fotógrafa Ylla a acompañar cun texto as súas fotografías. Laurence Perrigaut sinala que, no ano da aparición de Petit Lion, os libros de fotografías para a infancia e mocidade eran “unha curiosidade”, aínda que se retrotrae a vinte anos antes para sinalar Animais feitos por si mesmos de Alexander Rotchenko como o pioneiro (Un livre de photographies destiné aux enfants : Le Petit Lion, de Jacques Prévert et Ylla). Neste mesmo artigo, saliéntase que xa previamente Prévert tiña amosado interese pola creación fotográfica (nun intre en que o seu valor estético era aínda cuestionado), colaborando con fotógrafos afíns ao espazo surrealista, no que tamén el se tiña movido inicialmente, como Man Ray e Brassaï. E xustamente a colaboración entre o poeta francés e Ylla, fotógrafa de orixe húngara especializada en fotografía de animais, ofrece un valioso espazo de reflexión sobre, non só a dimensión estética da fotografía, senón o álbum de imaxes como formato ideal de libro para lectores infantís, a dialéctica na relación imaxe e texto, e mesmo o papel da intervención editorial no deseño final dos libros.
Na devandita nota final da edición de Kalandraka que comentamos, infórmase de que a edición orixinal do libro foi rexeitada por Prévert ao non aceptar os recortes que os editores impuxeron ao seu texto, o que o levou a pedir que suprimisen o seu nome en tanto que autor literario, admitindo a difusión do libro co texto amputado (el precisou: “censurado”) para evitar lesionar os intereses da súa amiga fotógrafa. Que é o que incomodou a Prévert? A xustificación dos editores era que o texto resultaba demasiado longo para o lectorado infantil ao que eles pretendían dirixirse e, en efecto, os máis dos álbums para a infancia caracterízanse por un notorio predominio das imaxes sobre o texto, cousa que non acontece neste libro (Kalandraka recupera na súa edición o texto íntegro de Prévert). Pero o escritor advertiu que os fragmentos que os editores suprimían cambiaban radicalmente o sentido que el lle daba ao seu relato. E aquí entra xa unha certa concepción do que se pode e se debe contar aos pequenos lectores, un debate que en certo xeito permanece aínda aberto. Subxace no debate a idea de que hai certos límites que o libro para a infancia está obrigado a respectar, ben en razón do propio límite na capacidade cognitiva dese lectorado, ben por considerar que hai temas aos que non debe ser exposto (a sexualidade, a política, o conflito, a violencia, a morte, son algúns dos tabús que durante moito tempo se impuxeron). Posiblemente esta concepción restritiva da comunicación literaria cos nenos e nenas, moveu aos primeiros editores (Arts et Metiers Graphiques, unha editorial prestixiada pola calidade dos seus libros ilustrados) a eliminar as partes nas que Prévert constrúe unha analoxía entre as gaiolas nas que eran encerrados os animais no zoo e as diversas formas de encerro e opresión que a humanidade construía (e constrúe) para os seus iguais. Partes coma estas:
Pero o certo é que no mundo existen persoas que encerran rosas en carteiras e outras que desexan poñer o sol á sombra ou meter o mar nunha botella ou mesmo os seus irmáns no cárcere.
Por iso os humanos adoitan meter os leóns en gaiolas, aínda que aos leóns nin se lles pasa pola cabeza meter as súas crianzas nun internado ou nun correccional.
Prévert converte o seu texto nun canto á liberdade, contrapoñendo a vida ceibe dos animais salvaxes ás constricións represoras da “vida civilizada” dos humanos, entre os que non faltan os malvados langráns capaces de bater a un pequeno animal desprotexido só “para facer rir e entreter aos seus amigos” (outro parágrafo “censurado”). Fiel aos seus ideais anarquistas, non consideraba que eses ideais, presentes nos seus poemas ou relatos para adultos, tivesen que ser silenciados ao escribir para a infancia. Non participaba, logo, desa visión infantilizadora da infancia porque cría, con razón, que aos nenos e ás nenas non lles gusta que os adultos os fagan menos capaces do que realmente son.
A diferenza do procedemento habitual nos máis (a inmensa maioría) dos libros ilustrados, sabemos que neste as imaxes, as fotografías de Ylla, foron feitas antes e que o relato de Prévert partiu delas. Pero este non se limitou a poñer palabras a esas imaxes, que en si mesmas non formaban ningún relato. Primeiro, seleccionou algunhas e desbotou outras, e ordenou as seleccionadas segundo unha orde acorde coa estrutura diexética que foi urdindo: unha leoa, presa na gaiola dun zoo, que relata ao seu pequeno fillo, nacido en catividade, a marabilla da vida salvaxe na selva; o espelido leonciño que, aproveitando un descoido, foxe do zoo e vive aventuras na casa dun pequeno humano a carón dos seus animais domésticos e, cando regresa ao zoo, conta esas aventuras ao seu irmanciño pequeno, iso si, amañándoas un pouco, porque “as historias reais non son sempre as máis bonitas” e, ao modo dos poetas, cómpre mesturar “o viño do soño coa auga amarga da verdade”. E así este fermoso conto ten tamén algo de pequeno tratado de poética. Mais a estas alturas non nos deixamos enganar con iso das “máis bonitas” porque sabemos que Prévert, na procura da beleza, non aforra o lado escuro do real, sabemos que, nesa mestura da ebriedade do soño e a amargura da realidade, a mentira estética resultante ten conservar tamén verdade.
Anos despois da aparición de O pequeno león, Ylla, instalada en Nova York, ofreceu as mesmas fotos a unha editora e escritora de contos para a infancia estadounidense, Margaret Wise Brown, que fixo unha selección distinta da feita por Prévert e as acompañou dun texto moito máis breve, menos diexético e máis acaído aos usos habituais na edición estándar de libros para a infancia. O título resultante: The Sleepy Little Lion (Harper & Brothers, 1947), sen tradución ao galego nin a ningún dos idiomas peninsulares, segundo creo. Unha colaboración que se repetiu, cando menos, con outro libro, tamén con fotografías de animais, que, este si, conta con versión galega, editado tamén en Kalandraka: Todos o viron, tradución de Iago Nicolás. Son dúas maneiras -a de Prévert e a de Margaret Wise Brown- de enfrontar a comunicación literaria co lectorado infantil, as dúas igualmente válidas.