“Hai moito tempo, as criaturas fantásticas conviviamos cos seres humanos e incluso vos axudabamos. Agora, nenas e nenos, vós sodes a nosa última esperanza para seguir sentíndonos útiles. Fdo. O Diaño Burleiro”.
Guía dos seres fantásticos que viven en Galicia sen que talvez o saibas é un deses libros que abre as portas a un mundo onde o noso latexa con máis maxia ca nunca. Anaír Rodríguez escribe pensando nas crianzas: nenas e nenos curiosos, con ollos atentos, capaces de ver o extraordinario no medio do común. Pero deixa tamén unha boa senda de detalles e complicidade para o lectorado adulto, que atopará aquí un libro perfecto para compartir, comentar e redescubrir a tradición popular desde unha óptica
nova e luminosa.
Cada páxina é unha invitación a soñar, investigar, debuxar e imaxinar o que pode haber detrás dunha pedra grande, dun camiño estreito, no fondo dun bosque…ou na porta do lado. Porque está Guía xoga coa idea de que o fantástico non está lonxe nin require expedicións imposibles: está aquí, agochado nas pequenas cousas, nos acontecementos cotiás, nas historias que herdamos e nos recunchos que só se revelan cando se mira con curiosidade.
Esta Guía é un deses libros que se gozan xuntos, con lectura compartida, perfecto para as longas noites de inverno ou incluso para meter na mochila durante unha escapada ao monte. Nunca se sabe se nos podemos atopar cun Nubeiro ou cunha Feiticeira!
O libro tamén ten esa capacidade de lembrarnos que a tradición oral nace entre voces: voces que contan, que escoitan, que se asustan un chisco e que volven rir. Mais aquí faino cunha imaxe moderna, accesible e profundamente respectuosa co lectorado infantil.
O libro fala directamente a quen está descubrindo estes seres. Describe criaturas e lendas con humor, retranca e unha tenrura que fai que queiras saír a coñecelos a todos. A autora non transmite medo (non moito) nin solemnidade: transmite curiosidade, complicidade e un amor inmenso pola imaxinación e pola mitoloxía galega.
O texto non só entretén: da ferramentas para pensar, para investigar. Para preguntarse por que se crearon estas historias, que as contaba, en que lugares nacían e como foron cambiando co tempo. É unha porta á investigación infantil e á aprendizaxe autónoma, algo especialmente valioso no fogar pero tamén na aula.
As ilustracións teñen un papel fundamental no libro. Son suaves, expresivas e están cheas de pequenos detalles que invitan ás crianzas a deterse, observar e volver ás páxinas unha e outra vez. Cada criatura aparece cun toque de humor, misterio e humanidade, o que fai moi sinxelo empatizar con ela. Son ilustracións que conversan con quen le.
A elección cromática, os xestos, as composicións e mesmo o xeito de encher cada páxina contribúen a crear un universo visual propio, recoñecible e inesquecible. Son ilustracións que alimentan a imaxinación, pensadas para acompañar ás crianzas na construción das súas propias lendas.
A Guía tamén é un recurso escolar extraordinario; mestura libro informativo e fantasía con moita naturalidade, esperta curiosidade e fomenta a investigación. Convida a comparar versión, buscar variantes e explorar o patrimonio inmaterial galego.
Tamén serve para traballar a expresión oral, escrita, creatividade e mesmo educación patrimonial e axuda ás crianzas a sentirse orgullosas do seu legado cultural. É un deses libros que se converten nun punto de partida perfecto para proxectos de aula, lecturas guiadas, mapas fantásticos, diarios de campo ou crear novas criaturas.
Guía dos seres fantásticos que viven en Galicia é un libro ideal para soñar xuntas, para rir, aprender e para manter viva a capacidade de marabillarse. Ten a delicadeza de lembrar que o fantástico non está lonxe; está aquí, entre nós, agardando a ser descuberto.
Un libro para gardar, para compartir, para volver abrir cada vez que precisemos unha chisquiña de maxia, da nosa.
Escoita recomendada coa lectura: Meiga de Mamá Cabra.