LIX E ALGO MÁIS; recursos didácticos que acompañan ás historias

Ivana Gómez Abuín, @libros_e_libros

Quen se dedica á docencia busca elementos que motiven e que acheguen ao seu alumnado algún contido que compre traballar e anda sempre na procura de medios para fomentar o interese e a curiosidade de nenos e nenas. Pero moitas veces xa ten nas mans tesouros que poderían ser a base dun traballo interdisciplinario na aula, dotado, ao mesmo tempo, dunha faceta social, patrimonial, cultural e reivindicativa.
A literatura é un recurso educativo poderoso, alén da necesidade e do propio valor da lectura, alén das áreas lingüísticas e alén tamén dos chamados libros para. Non falamos de contos curriculares, de obras buscadas expresamente para traballar un problema, senón de obras de ficción, que ademais de contar historias que gustan, axudan a presentar información ao alumnado.
Cómpre partir da base de que todo libro vai ter un fondo, vai deixar un pouso a quen se asoma ás súas páxinas, pero e se ademais de todo iso, nos aportasen información extra e recursos adicionais? Nos achegase elementos para promover a reflexión crítica, para presentar temáticas curriculares, para afondar na investigación, para traballar eses contidos e competencias que interesan nunha aula?
Cómpre sinalar, de novo, que falamos de literatura de ficción, deixando ao lado, nesta ocasión, a literatura de non ficción, os libros informativos ou as biografías, que xa nacen co obxectivo de transmitir coñecementos específicos. Imos ver tres modelos diferentes de literatura infantil e xuvenil que teñen as características antes comentadas.
A Historia detrás da historia
Comezaremos por dúas publicacións, primeira e segunda parte, escritas por Alba de Evan e Xabier Domínguez e ilustradas por Eli García. Falamos de Maxia de pedra (Xerais, 2021) e Segredos soterrados (Xerais, 2023), pensadas para un lectorado de 12 anos en diante.

Alba de Evan e Xabier Domínguez: Maxia de pedra. Ilustracións de Eli García. Xerais/Sopa de
Libros (2021)
Alba de Evan e Xabier Domínguez: Segredos soterrados. Ilustracións de Eli García. Xerais/Sopa
de Libros (2023)

Ámbalas dúas contan cos mesmos protagonistas; Ánxela, Sabela, Jorge a gata máxica Morriña, e ámbalas dúas comparten temáticas; a defensa do patrimonio, a ecoloxía e o respecto pola natureza. Pero o interesante delas, ademais das pinceladas que van deixando as historias de ficción, son os datos e referentes reais cos que finalizan ambas. Nas follas finais aportan información clara, de xeito moi traballado e reflexivo, onde se ve a man docente do autor e da autora; propoñen recursos que dan pé a investigar para complementar contidos e obxectivos didácticos das áreas de Ciencias da Natureza ou Ciencias Sociais como as fontes documentais, o patrimonio cultural e natural ou procesos e acontecementos históricos.

No caso de Maxia de pedra temos aportes didácticos sobre arte rupestre e cultura castrexa mediante liñas temporais, sinxelas de reproducir polo alumando, e información detallada dos modos de vida de tempos pasados. En Segredos soterrados afóndase nas explotacións de volframio en Galicia e da presenza nazi durante a II Guerra Mundial, como podemos ver nas imaxes.

Alba de Evan e Xabier Domínguez: Maxia de pedra. Ilustracións de Eli García. Xerais/Sopa de
Libros (2021) e Alba de Evan e Xabier Domínguez: Segredos soterrados. Ilustracións de Eli
García. Xerais/Sopa de Libros (2023).

Seguindo este estilo atopamos tamén outra obra de Alba de Evan, Dormen baixo terra (Boadicea Editora, 2024) na que conviven sucesos paranormais con tradicións galegas así como referencias ao coidado do noso. Neste caso, De Evan vai incluíndo información adicional e complementaria ao texto en forma de explicacións e chamadas de atención, para alumnado xa da ESO, sobre patrimonio, minaría, espolio de recursos ou activismo ambiental, acompañados en moitos casos de códigos QR para poder seguir ampliando información. Estas achegas permiten que sexa o alumnado o que manexe a información, analice e reflexione.

Alba de Evan: Dormen baixo terra. Ilustracións de Iago Torres. Boadicea Editora (2024)

Actividades variadas que dan que facer
Noutras ocasións, as propias historias de ficción vanse converter nunha fonte de recursos e actividades variadas, como é o caso de Ulises e as cronoamigas, surfistas en California (Sushi Books, 2015), de Érica Esmoris, ilustrado por Jacobo F.S.. Xa nas gardas se ve a intención de ser un texto inclusivo, coidando o tamaño de letra para poder ser lido con facilidade. No caso de Ulises e as cronoamigas viaxamos no tempo e no espazo á California dos años 50 ao tempo que aprendemos a facer una árbore xenealóxica moi orixinal, descricións e caligramas, creamos textos multimodais, liñas do tempo, receitas (textos instrutivos), atopamos consellos para falar en público e demándase que busquemos información sobre personaxes variadas, entre outras. Velaí todas as posibilidades de ter esta base de traballo tanto dende áreas lingüísticas como dende as Ciencias Sociais.

Érica Esmorís: Ulises e as cronoamigas. Ilustracións de Jacobo F.S. Sushi Books (2015)
Érica Esmorís: Ulises e as cronoamigas. Ilustracións de Jacobo F.S. Sushi Books (2015)

Outro exemplo de actividades integradas nun libro é o de Historias da Fraga Revirada (Editorial Galaxia, 2021) escrito e ilustrado por Xosé Tomás orientado a un público máis cativo. Está composto de varios contos: O lobo feroz, O soño de cristal, A familia de Cacho, A malvada Tareixa e O forasteiro, que ademais de vincularse coa sustentabilidade, o coidado dos ecosistemas, o maltrato animal e os estereotipos,
ofrecen actividades en cada capítulo.

Xosé Tomás: Historias da Fraga Revirada. Editorial Galaxia (2021)

Atopamos Sopas de Letras, investigación sobre pegadas de diferentes especies, datos curiosos sobre animais, xogos con palabras, refráns, onomatopeas e sons, entre outras. Convértese, deste xeito, nun recurso moi útil para crear investigacións dende Ciencias da Natureza e Ciencias Sociais con estes protagonistas, para afondar na nosa lingua e xogar coa mesma.

Xosé Tomás: Historias da Fraga Revirada. Editorial Galaxia (2021)

Misións e investigacións
Pere Tobaruela (texto) e Andrés Meixide (ilustracións) crearon unha saga de formigas viaxeiras que nos axuda a coñecer lugares e persoeiros de Galicia. Estámonos a referir neste caso a Formig4s, Misión Rosalía (Xerais, 2022) pero tamén podemos atopar Formig4s, Misión París (Xerais, 2014), Formig4s, Misión Nova York (Xerais, 2014), Formig4s, Misión Tokio (Xerais, 2017), Formiga¡4s, Misión Barcelona (Xerais, 2018), Formig4s, Camiño de Santiago (Xerais, 2019) ou Formig4s, Misión Entroido (Xerais, 2024).

Pepe Tobaruela: Formig4s, Misión Rosalía. Ilustracións de Andrés Meixide. Xerais (2022)

FORMOS4, FORX4N, FORNEL4 e FORM4IL son os catro integrantes das FORMIG4S, unha brigada especial que resolve casos de investigación en diferentes lugares e datas. Esa é a sinopse común de tódolos libros e en cada un deles terán que enfrontarse a viláns e a desaparicións, pero aportándonos moita información. Centrándonos no libro dedicado a Rosalía de Castro, vemos como a súa obra comeza a desaparecer e polo tanto as nosas amigas deben viaxar no tempo para salvagardar o seu legado.
Coñecemos unha biografía inicial de Rosalía de Castro e adentármonos na súa obra, viaxamos a Padrón, a Santiago de Compostela ou dialogamos con Manuel Murguía. Deste xeito podemos ir confeccionando unha liña temporal e un mapa real da vida e dos percorridos xeográficos e vitais de Rosalía (pensamento computacional e visón espacial)e podemos ir seguindo (e creando) pistas nunha historia que mestura novela, banda deseñada, poesía e trebellos tecnolóxicos.
Calquera dos libros da colección FORMIG4S está pensado para nenos e nenas de 8 anos en diante e presentan oportunidades para vencellar as áreas lingüísticas con Ciencias Sociais e co emprego de recursos TIC.
Amosamos seis exemplos de oportunidades didácticas integradas nos propios libros, reflexionados por parte de autores e autoras e que, igual que outros moitos, poden ser ferramentas literarias de aula. Temos sempre presente a necesidade de ser traballados previamente polo profesorado lembrando que ese profesorado debería cumprir coas premisas recollidas por Ángeles Abelleira na fermosísima recompilación de experiencias que fai Montse Muriano en Habitando Historias; 10 experiencias arredor do libro e da lectura; ¨ser lector, gustar dos libros, ter referencias na cabeza e saber ler para os
demais¨.
Aquí quedan algunhas ideas pero queda moito por facer con elas.

Comparte: