En xuño de 2020 botou a andar Antela Editorial, un proxecto detrás do que se atopan Alba de Evan e Xabier P. Domínguez e que lanzan un compromiso coa calidade, o labor social, o medio ambiente e a cadea de produción editorial. Cinco anos despois, conversamos con eles sobre o proxecto que xa ten varias coleccións en marcha, un premio literario e moitas ideas de animación á lectura. Porque, como recoñecen, “dende o rural se poden traer historias que deixen pegada e axuden a medrar en valores”.
Como xurdiu a vosa editorial especializada en literatura infantil e xuvenil?
Antela Editorial naceu no corazón da Limia, en Ourense, coa vontade de crear libros pensados para o público infantil e xuvenil, pero tamén para as familias e a comunidade educativa. Queremos facer dende o rural libros de calidade universal, con historias que deixen pegada e axuden a medrar en valores.
Que achegades cos vosos libros?
Achegamos libros coidados en todos os sentidos: boas historias, ilustracións de calidade e edicións pensadas para durar. Traballamos con autores e autoras galegos, impulsando o talento local e contribuíndo á creación dun catálogo que emocione, divirta e faga pensar.
Que son os “libros con pegada”? Ese é o lema da vosa editora.
Os “libros con pegada” son aqueles que deixan unha fonda marca nos lectores, pero tamén no mundo que os rodea. Son libros que respectan o medio, a lingua e as persoas que os fan posibles. Detrás de cada título hai unha boa historia, tamén a nivel social e ambiental.
Sodes xente comprometida coa calidade, co labor social, co medio ambiente e coa cadea de produción editorial. Que significa iso?
Significa que entendemos o libro como un proxecto integral: desde o contido ata o papel, todo conta. Traballamos con imprentas de proximidade, promovemos actividades educativas e colaboramos con proxectos solidarios, convencidos de que a cultura tamén pode e debe transformar o mundo.
Ademais apostamos por creadores do país, crendo firmemente na alta calidade tanto literaria como artística que podemos atopar na nosa terra. Relacionado con iso, intentamos que os adiantos e porcentaxes sexan o máis xustos posibles, co obxectivo de conseguir que a produción editorial sexa sostible economicamente para todos os que participamos dela.
O primeiro libro que publicastes foi Fronteiras de papel , unha obra que hoxe adquire moito maior sentido. Por que ese título e que significa para vós como persoas e na editorial?
Fronteiras de papel afonda nunha temática que estaba vixente no momento da súa creación, e tristemente, sigue a estalo hoxe. Foi o noso primeiro paso e, dalgún xeito, unha declaración de intencións: queremos reivindicar que o papel tamén é un espazo de liberdade e pensamento. Nel ponse sobre a mesa a problemática da inmigración e as trabas burocráticas que, á súa chegada, atopan as persoas que migran cara países máis privilexiados.
As editoriais facémolas as persoas que as compoñemos, e dende Antela pensamos que ningunha persoa é ilegal, unha mensaxe que hoxe é máis importante que nunca.
As vosas coleccións están nomeadas como “Pitiños”, “Quiricos”, “Galo Pinto” e “Galo Banquiva”. Por que esta referencia ao mundo das galiñas e que simbolismo ten?

A orixe do propio nome da nosa editorial e de todo o que a representa, dende o logo ata o nome das coleccións, provén dunha lenda recollida polo propio Vicente Risco na antiga e desaparecida Lagoa de Antela. Na mesma fálase dunha cidade asulagada, a cidade de Antioquía, e que na noite de San Xoan, pola mañanciña, podíase escoitar cantar o galo e soar as campás. Da lagoa, que está no noso nome e nas nosas orixes, collemos ese simbolismo co que xogamos en todas as súas variantes.
Nos vosos libros están moi coidados tanto escritores/as como ilustradores/as. Que achegan ambos ás historias?
Cremos que un libro infantil ou xuvenil só cobra vida cando texto e ilustración dialogan en igualdade. O texto dá corpo e a imaxe dá alma. Por iso traballamos de maneira moi colaborativa, para que cada libro teña unha unidade estética e narrativa que o faga especial.
Como seleccionades os libros a publicar? Buscades e propoñedes vós historias ou ledes orixinais? Combinades ambas fórmulas?
Combinamos ambas vías. Por unha banda, recibimos orixinais e estudámolos con coidado, tentando respostar todas as propostas que nos chegan, por outra, tamén impulsamos proxectos propios, sobre todo na liña de cómic. O máis importante para nós é que a historia encaixe cos valores e coa liña editorial de Antela: calidade literaria, identidade e emoción.
Cal é o proceso e o tempo dende que un libro pasa dun orixinal a estar publicado?
O proceso pode durar entre seis meses e un ano, chegando ata dous cando é un encargo de cómic, dependendo da natureza do proxecto. Primeiro hai unha fase de lectura e selección, logo de revisión e traballo editorial, despois a ilustración, maquetación e impresión.
Como naceu o Certame Literario Jaime Olmedo Limeses e que acollida está a ter “Pernascochas”, de Ramón D, Veiga, o primeiro título?
O Certame naceu como unha colaboración entre Avigal e Antela, dúas empresas de sectores completamente diferentes, pero que se encontran nese coidado do seu produto, da aposta polo noso e polo rural. O seu nome homenaxea á figura de Jaime Olmedo Limeses, fundador de Avigal.

Quixemos crear un espazo que aposte por voces da literatura infantil. O libro gañador da primeira edición, “Pernascochas”, está a ter unha magnífica acollida entre lectores e escolas, o que nos confirma que o premio é un camiño fértil, chegando neste mes de outubro á terceira edición. Foron xa máis de 3000 os cativos que puideron gozar desta entrañable historia.
Ademais da de adultos o certame ten tamén unha categoría infantil, ata 12 anos, impulsando o traballo da escrita en galego entre os escolares do noso territorio, considerando á cativada como base imprescindible para a continuidade da nosa literatura no presente e no futuro.
Tedes tamén actividades de animación á lectura. Como as construídes e de que forma se levan a cabo? Quen as pode contratar?
As actividades de animación á lectura parten sempre dos nosos libros, e deseñámolas para distintos niveis educativos. Inclúen contacontos, obradoiros creativos, taller de cómic, encontros con autores e dinámicas arredor da lectura. Poden solicitalas centros educativos, concellos, bibliotecas, librarías, asociacións culturais…
Pola vosa profesión coñecedes ben o sistema educativo. Cales credes que son as claves para fomentar a lectura?
A clave é que ler sexa unha experiencia viva, compartida e de pracer. É importante ofrecer libros de calidade, moi visuais, adaptados á idade, pero tamén darlles tempo, espazo e liberdade aos lectores para escoller. Cando a lectura se converte en vínculo e non en obrigación, medra de xeito natural.
Cales son os libros favoritos da vosa vida? Os que considerades imprescindibles?
Temos moitos, pero poderiamos citar: Memorias dun neno labrego, calquera de Agustín Fernández Paz, e xa clásicos contemporáneos como Harry Potter, aínda que hoxe en día a traxectoria vital da súa autora poña isto último un pouco difícil.
En que proxecto ou proxectos estades traballando agora na editorial?
Actualmente estamos a traballar en varias frontes: varios cómics para este 2026, algún xa para 2027, o lanzamento da versión portuguesa dos nosos títulos máis coñecidos, ademais de novos álbums ilustrados e unha nova liña de libros para bebés.