Inma Soto Iglesias defínese coma contadora de historias, e que busca inspiración na natureza. O seu libro Xela, superheroína da aldea conquista a múltiples lectores e lectoras pola beleza da súa mensaxe.

  • Título: Xela, superheroína de aldea
  • Autora: Inma Soto Iglesias
  • Ilustrado por: Clara Cerviño
  • Editora: autopublicado, 2022, Colección Esquío rebuldeiro
  • Número de páxinas: 40

Ivana Gómez Abuín, @libros_e_libros

Xela, superheroína de aldea

Inma Soto Iglesias

Autopublicado, 2022,

Xela, a superheroína do cotiá.
Xela é unha nena que vive nunha aldea pero que por riba de todo vive a aldea; desfruta de cada estación, dos animais, da natureza, chova ou faga sol.
Este álbum ilustrado, creado e sentido por Inma Soto, relata unha semana na vida desta nena aventureira, valente e sobre todo comprometida. Estamos ante unha nena que sabe sacar proveito de todo o que a rodea, reptándoo e coidándoo. Unha nena consciente de que todo o que a rodea está aí por que quen pasou antes o coidou e que unha das súas responsabilidades é esa, coidar da nosa terra. As temáticas polas que transita están vencelladas coa educación ambiental, o coñecemento das diferentes especies animais que habitan a nosa contorna ou os produtos de consumo estacional.
Xela ten superpoderes. E este álbum amósanos que todos e todas podemos telos; gabear polas árbores, facer maxia na cociña para compartir coa familia, sacar a capa de superheroína os días grises ou ser inmortal grazas ao ouro líquido das abellas.
Pero que acontece con todo heroe e heroína? Que ten un inimigo. No caso de Xela isto tamén vai pasar e vai ser Dracma quen achegue á aldea o espolio, a deforestación, e o abandono do rural. Pero a superheroína despregará os seu poderes para entender que o verdadeiro tesouro é o que nos rodea e as persoas con quen o compartimos, algo que nunca entenderá un vilán avaricioso.
Estamos ante unha oda e unha posta en valor da nosa orixe, da nosa terra e do que produce, que o converte tamén nunha ferramenta didáctica alén da historia ben narrada, que achega a lectorado adulto lembranzas da infancia e a lectorado miúdo os tesouros que ten o arredor. Está pensada para cativada e lectorado inicial, pero é necesaria, como todo álbum ilustrado, para o público xeral.
Acompañan a esta obra as fermosas ilustracións de Clara Cerviño, cheas de cores que conseguen que queiras entrar no libro, que pasemos o dedo instintivamente por elas para sentir a herba e a textura do lombo da píntega, que respiremos o aire puro da primeira páxina con ilustración dobre, que podería ser un cadro que merece permanecer imperturbable e coidado.
Cómpre falar tamén de que se trata dun libro autopublicado, perante a necesidade que sentía Inma Soto de facer chegar todas as reflexións do álbum á cativada e que poida ser unha ferramenta para transmitir o amor pola natureza.
Escoita recomendada coa lectura: Nunha aldea de Catuxa Salom.
Xa publicado o segundo volume Xela, aventura na fraga (2024).