Aínda que Violeta tamurana é unha novela publicada no ano 2010, Andrea Maceiras relata nela unha historia que continúa a ser de actualidade e que representa alegoricamente unha realidade pode que mesmo máis próxima á que estamos a vivir no presente.
A novela ten o seu inicio na illa Tamurana, un lugar en que a natureza se tingue das tonalidades violetas máis fermosas. O mar é violeta e tamén a terra, o sol, o ceo e as flores. Mesmo a pel de quen a habita é cor malva. O pobo alí asentado vive en harmonía e equilibrio co medio: toma só o necesario do seu bosque de tamuras, as flores enormes que dan nome á illa, e procuran respostas na lava do volcán que a formou. Porén, xentes do continente Luminoso chegan sen explicación para ocuparen o territorio e talar as valiosas tamuras desde a súa posición de poder imperialista. Así, a illa queda case deserta e Pao, un dos protagonistas desta historia, debe partir xunto ao inimigo para descubrir como salvar o seu fogar.
Por outra banda, preséntasenos a Alén, a filla do Presidente do continente Luminoso e herdeira a un poder que rexeita por ditatorial, imperialista e xerárquico. Para loitar pola igualdade e as liberdades, rompe toda relación con seu pai e fuxe cun grupo de activistas coa intención de trazar un plan que lles permita establecer un réxime xusto en que o coñecemento non pertenza só a uns poucos e en que ninguén poida explotar e oprimir. Os camiños de ambas as personaxes crúzanse e discorren na mesma dirección: na da liberdade dos pobos e a procura de saber.
Cunha narración coidada e descricións poéticas, a autora trasládanos a paisaxes fantásticas que nos fan conectar co mundo natural, ao tempo que nos transmite a necesidade de coidar do medio e de respectar a natureza. Para máis, propón reflexións en torno aos sistemas de poder, ás inxustizas impostas polos réximes autoritarios e ditatoriais, á importancia do activismo, á necesidade de acadar a igualdade e á nosa forza individual que, ao unir en grupos, pode dar lugar dunas e rochas capaces de mudar o mundo e de opoñer resistencia fronte aos abusos de poder.