Este é un libro que torna inútiles todas as clasificacións por categorías etarias. Non é un libro infantil pero amarano moitos nenos e nenas con certeza. É un libro para adultos que o gozarán máis quen estean dispostos a percorrer as súas imaxes cos ollos expertos e inocentes da infancia. É, si, un álbum ou libro ilustrado. Sen palabras. É, sen máis, a demorada visita a unha casa do ollo e a man do artista, que hai moito tempo nos ten probado a súa formidable excelencia. Pero ese “sen máis” encerra moito, moitísimo. Encerra, por exemplo, varios relatos que lectores e lectoras de todas as idades irán debullando cada vez que abran as páxinas do libro, porque este, como as obras mellores, ofrece en cada nova visita novos achados que convidan a explorar detalles se cadra descoidados na visita inicial e, en fin, outras liñas interpretativas. Eu recomendo que o primeiro acceso ao libro se faga, como o propio deseño do mesmo pide, sen ningún apoio previo fóra das imaxes mesmas que páxina a páxina se van ofrecendo ao visitante lector ou lectora. E aquí este comentarista podería deixar a recensión para preservar esa ollada autónoma que todo posterior desenvolvemento hermenéutico ameaza con alterar. Liberarame de toda culpabilidade, espero, o convite que fago a quen me estea lendo: deixa a lectura, corre a mercar o libro, mírao e admírao, léo e atopa o sentido que ti mesmo no teu encontro lle das e, despois, se te presta, volve á lectura desta recensión no punto no que antes a deixaches.
Liberado, logo, de todo peso culpable, prosigo propoñendo dúas vías complementarias de análise e interpretación. A primeira, a estritamente icónica. Este é un libro de artista, de artista gráfico. Hai, en primeiro lugar, unha elección estilística, eminentemente realista, afastada das formas máis caricaturescas ou manieristas que Xosé Cobas ten utilizado noutros traballos seus nos que as súas imaxes acompañaban relatos escritos. Na súa prolongada e exemplar colaboración co tan chorado Xabier Docampo, cultivou variados rexistros, entre eles tamén o realista, aínda que posiblemente sen chegar a depurada ascese que Soño dunha sombra ofrece. Falo de ascese (non de minimalismo, co que non quixera que se puidese confundir) porque hai, no exercicio de selección e recollida do espazo perceptivo visual, con todo o detalle do obxectivismo realista, unha vontade de ir ao esencial. Todo canto se mostra amósase porque ten que estar e só o que ten que estar está. Non hai nada superfluo. Tampouco a elección do punto de vista, que é todo un exercicio de movemento autocontrolado equivalente a eses planos secuencias de directores cinematográficos como Sam Mendes (1917, 2019), Alejandro R. Iñárritu (Birdman, 2014) ou Aleksandr Sokúrov (El arca rusa, 2002). Pero o que nestes autores acaba sendo despregue exuberante, barroquismo, no Soño dunha sombra é sempre contención, sobriedade, ascese. Comezando pola exclusión de toda figura humana, o que xa nos leva á segunda vía de análise.
Puidera pensarse que o plano secuencia dunha casa desde a visión dunha distante luz na escuridade da noite, a entrada no seu interior e a posterior saída pola mesma porta, xa na luz do día, e o afastarse ata chegar á mesma distancia inicial, nun preciso movemento circular que, como todo círculo, non ten principio nin final, podería pensarse, digo, que non inclúe ningún relato, ningunha narratividade. Contra iso, eu digo que ben ao contrario hai relato e, aínda máis, como xa apuntei ao principio, hai moitos relatos. A propia exclusión da figura humana no interior dunha casa con toda a aparencia, e presencia, de estar habitada, non é unha ausencia. Ou é, mellor, unha ausencia vivamente presente. Ao final do libro saberemos que esta casa é a casa que habitaron os avós do autor, e esa presencia ausente toma nome: Dominga e Benito. E a elección desa exclusión cobra o sentido (entre outros posibles) dun pudoroso respecto cara aos que xa non están. Mais tamén de prolongación da vida habitada dos que estiveron en quen a seguen habitando hoxe. A casa é un lugar de vida e un nexo entre as vidas de quen a habitaron e a habitan.
Pero se non hai presenza humana hai, si, presenza de seres vivos. Está a pega. Que fai esa pega percorrendo os lugares interiores desa casa? A pega, xa o sabemos, é unha ave curiosa. Quizais a súa curiosidade sexa alegoría da mesma nosa que, coma ela, axexamos cun certo abraio os lugares da casa momentaneamente solitarios. Se cadra é ela a que guía o desprazamento da ollada do artista, é ela quen aproveitou o intre en que a porta de entrada ficou entre aberta, quen percorreu o seu espazo interior e finalmente volveu saír e alzou o voo, por iso as últimas vistas da casa son vistas aéreas. Pero a pega, sabémolo, é tamén unha ladroa. Hai no seu axexar algunha expectativa de roubo? Seguramente. Mais eu quero pensar que a nosa pega alegórica marcha sen levar nada, respectuosa coa calor que emana das estancias visitadas, conforme con volver máis adiante de novo e reiterar, coma o lector e a lectora, a súa visita. E está ese floreiro cunha peonía, que convida a saír fóra e desprazarse na natureza exterior que rodea a casa. Unha casa no campo, que non é hostil ao espazo natural que a rodea, que ela mesma é tamén parte viva da natureza.
É un álbum ilustrado sen palabras, dixen. E isto é certo, porque as fermosísimas e sabias que o pechan, escritas por Manuel Rivas, non son, ao modo dos máis dos álbums, un texto que as imaxes ilustran. Poderían ser, tal vez, palabras, que non ilustran, porque as imaxes se ilustran soas, non precisan ser ilustradas, senón un intento feliz, entre moitos outros quizais igualmente felices (e moitos máis que o serían menos), de acompañar a lectura que o lector xa ten feito, cunha nova lectura, a do escritor. Nova lectura que sen dúbida abrirá novas portas ao misterio que as portas da casa do Soño dunha sombra abre para todos os lectores e as lectoras sen nunca xa volver pechar. Un misterio sobre principios e finais que comezan e rematan sen endexamais rematar. Porque “o principio é agora o infinito”, como cerra (sen cerrar) o seu epílogo Rivas.