Anxo Iglesias defínese coma un amante dos amorodos, dos bambáns e dos caracois, Anxo Iglesias é profesor de Educación Física no IES Auga da Laxe de Gondomar. Membro fundador da asociación Espazo Lectura, coordinou desde 2008 ata 2015 o Club de Lectura Compartida Lendo Contigo. Ademais, é un dos integrantes do grupo de música infantil A Banda dos Cueiros e xogador retirado de pimpón. A súa conta en Instagram é @ai.marino. O libro de poemas «Unha nova dimensión», Premio Merlín de Literatura Infantil 2022, foi a súa primeira obra publicada, á que seguiu «Tacón, punta, tacón» (Xerais, 2025).

Título: Tacón, punta, tacón
Autor: Anxo Iglesias
Ilustracións: Laura Romero
Editora: Xerais, 2025
Número de páxinas: 106

Ivana Gómez, @libros_e_libros

Tacón, punta, tacón

Anxo Iglesias

Xerais

Este é o sitio onde Doraemon ten gardado no seu peto máxico un chimpín (e Nobita é un miñaxoia).
A revolución poética ou o macarrismo do verso poderían ser dous intentos de describir, de xeito rápido, este libro, pero ámbalas dúas quedarían escasas. A poesía, ese xénero que adoita impoñer, que adoita parecer encorsertado, ben colocado e armado dentro das súas estruturas, cobra unha nova dimensión (nunca mellor dito dado o seu anterior libro) da man de Anxo Iglesias. Nada ten sentido (ou sensatez) neste libro da Colección Merlín e por iso ten todo o sentido do mundo e vai amosando como esfiañar e percorrer os recunchos da escrita, da memoria, da cultura e da lingua con unha maxistral habilidade.
Invita a xogar coas palabras, coas ilustracións, a arrancar anacos de letras dun xornal e crear. Un dos seus maiores potenciais é ese, conseguir que queiras xogar e imaxinar, coa sonoridade rítmica xa metida na cabeza. Pero ademais lévanos de viaxe polo noso, dende o polbo que non quere ir a á feira á empanada rechea de todas as vogais, os ríos, as árbores e as festas ou as nosas lembranzas da infancia, personaxes senlleiras como Iago Aspas, Teresa Portela ou ata a Señorita Bubble e as Tanxugueiras, sen fronteiras.
As palabras acompáñannos dende os faros ata Fisterra, dende o Miño ata o Val Miñor e poñen en valor as mulleres bravas, as meigas e as bruxas a golpe de rock bravú. De xeito paralelo vai percorrendo unha diversidade poética moi necesaria, sobre todo a nivel escolar, amosando que para crear hai que imaxinar e soñar e vai facendo así rebentar o xustillo da poesía para deixar cancelas abertas á liberdade expresiva.
Non esquece a música, por que esta, que é senón poesía? Pero sempre nosa; aturuxos, foliadas, pandeireteiras e chascarraschás a golpe de beatbox. Nalgúns momentos acompañase con acertadas achegas dende códigos QR para escoitar un aturuxo, ver un poema en lingua de signos ou unha regueifa ben botada pero o mellor acompañamento son as ilustracións de Laura Romero que parecen esbozadas moitas delas nos anacos dun caderno ou arrincadas do medio dun xornal, pero que son creatividade pura, imprescindibles para potenciar maxistralmente os textos. Son tamén divertidas, atrevidas e que invitan, igual que todas estas letras tolas, a xogar, a experimentar sen medo, a poemar e rimar sobre as cousas fermosas que temos arredor.
Escoita recomendada coa lectura: Terra de Tanxugueiras