Proxecto bolboreta foi a primeira obra de Andrea Maceiras, unha autora moi recoñecida no eido da literatura infantil e xuvenil galega. Nas súas obras destacan temáticas como as viaxes e a natureza, cuestións que están presentes mesmo desde esta primeira novela e que, co tempo, medraron como unha corrente de aire xerada polo bater de ás dunha bolboreta ata ocuparen o centro doutras das súas historias, agora máis coñecidas, como Europa Express, A folla azul ou O enigma de Sempreviva.
A novela une ciencia e literatura, matemáticas e soños, a través dunha “viaxe existencial a prol dun ideal” (Maceiras, 2008, p. 58) protagonizada por Hadrián, que avanza sen rumbo polo mundo tras os pasos dunha corrente de aire orixinada polo bater de ás dunha bolboreta.
O seu obxectivo co proxecto é o de comprobar se a enunciación de Edward Lorenz é certa e se esta pode ser estudada desde a ciencia, mais, talvez, atope outras sorpresas na súa investigación…
A través do seu diario de viaxe, escrito en clave de humor e coa intención de representar desde o propio estilo esta unión entre as metáforas e a ciencia, exploramos a parte máis empírica, directa e científica en que se desenvolve a teoría. Con todo, existe outra travesía focada no emocional e nas propias casualidades que se nos mostra a partir de relatos intercalados coa liña argumental principal e que nos mostra como os máis pequenos xestos e as máis efémeras flores poden resultar en mudanzas de gran calibre na vida doutra persoa, que pode estar próxima a ti, máis tamén ser unha completa descoñecida.
Os simbolismos relacionados coa natureza e a paixón con que as personaxes procuran os soños nela fan que esta corrente de aire empurre algo máis que os desexos de Hadrián e demais protagonistas, pois esta treboada verte tamén sobre quen le o frescor da esperanza e pode mesmo chegar a se converter en bágoas de emoción.