Meigallo_98h é unha das últimas novidades de Baía Edicións na súa colección Meiga Moira. Escrita por Conchi Regueiro Digón, trátase dunha novela xuvenil de misterio perfecta para pasar calquera tarde ventosa de inverno en que as sombras forman figuras estrañas que xogan coa nosa imaxinación.
A protagonista desta historia é Constanza, unha adolescente que enfronta un inicio de curso cheo de cambios. A súa familia acaba de ascender nos planos social e económico e agora forma parte das máis enriquecidas da cidade, co que comezan a procurar unha casa máis ampla e moderna e a rapaza vese obrigada a mudar de instituto para o prestixioso Vicencio, onde estuda a xente con cartos.
Nun principio, Constanza cre atopar o seu lugar neste novo ambiente e fai novas amizades, malia botar en falla as que a acompañaran toda a vida. Con todo, a situación empeora subitamente, non só pola superioridade con que a tratan as súas compañeiras, senón pola desaparición dunha das docentes, seguida pola de parte do estudantado.
A novela mestura o terror das lendas populares tradicionais coas novas formas de transmitir as mesmas a través das redes sociais. É unha historia actual, mais tamén conta con elementos históricos e cunha fantasía escura que nos enfronta ao descoñecido e nos leva a diferentes planos da realidade.
Alén da tensión e do misterio que nos atrapan nas palabras de Meigallo_98h, son moitos os temas que se entrelazan na narración. A través das personaxes, preséntase a realidade diversa en que vivimos, con diferentes culturas e relacións afectivo-sexuais. Así mesmo, denúnciase a opresión do considerado diferente e o abuso dos poderosos, tanto no que respecta á clase social como ao xénero.
Violeta Meléndrez Doval