O meu primeiro contacto con Homero foi na adolescencia temperá, a través da tradución ao galego de Editorial Galaxia, e atrapoume para sempre. Odiseo, Héctor e Helena pero tamén Atenea disparando dende o carro de Diomedes, Afrodita intercedendo polos troianos ante Zeus, o deus-río Escamandro loitando co divino Aquiles, forman parte da miña introdución persoal á literatura, á historia e á mitoloxía.
A Ilíada é unha obra á que volver unha e outra vez. As múltiples adaptacións (cinematográficas, literarias) das que foi obxecto dan conta das moitas lecturas que permite e da actualidade dos temas que nos ofrece. Os seus protagonistas forman parte da cultura popular, coñecidos alén da propia obra. Isto, referíndonos a un texto datado no século VIII a.e.C que á súa vez trata feitos acontecidos probablemente arredor do 1200 a.e.C, é todo un éxito literario.
Que fai que sigamos falando da Ilíada? Cada época e cada persoa poden atopar temas novos na obra de Homero, e en cada xeración a recepción do texto é diferente. Aínda sendo un longo poema épico, lese como unha novela. A adaptación de Alessandro Baricco transforma o poema nun relato a varias voces, nas que os acontecementos que coñecemos se nos van narrando dende as marxes da contenda.
Dos moitos temas que pulsan na Ilíada, un dos que podemos recoñecer como máis actuais é o das consecuencias dos conflitos sobre as persoas que non teñen poder de decisión neles. Na época clásica Eurípides recolle esta cuestión na súa obra As Troianas, e xa daquela a Ilíada pertencía á tradición dun pasado remoto. Hoxe, Baricco escolle facer falar a Briseida, á aia de Andrómaca ou á propia Helena, todas elas vítimas da guerra. Helena, lonxe de ser o rostro que lanzou mil naves, é unha peza sacrificable no taboleiro político dos xefes aqueos. Do mesmo xeito que a épica arcaica inspirou obras de teatro en época clásica, esta versión actual está feita orixinalmente para ser representada.
Outro aspecto que fai que a Ilíada continúe a interesarnos é a profundidade psicolóxica e a evolución que amosan os personaxes, semellantes aos dun drama moderno. A pesar de estaren caracterizados con epítetos propios da épica arcaica, que Baricco elimina para maior axilidade, Odiseo é moito máis que o das mil astucias, e en Héctor vemos moito máis que o valoroso príncipe troiano. A famosa pasaxe na que Héctor fala coa súa esposa Andrómaca e o fillo de ambos asústase do casco empenachado do guerreiro provoca arrepíos aínda a día de hoxe, sobre todo co coñecemento da terrible sorte que van correr todos eles. Héctor é o arquetipo do heroe homérico pero é tamén moitas cousas máis. É o asasino de Patroclo, o antagonista dos aqueos, e ao mesmo tempo un home arrolando no colo ao seu bebé. Os modernos coach de masculinidades (tóxicas) non aprobarían a idea do heroe perfecto de Homero.
Aquiles tamén nos brinda o que hoxe describiríamos como un arco de personaxe: o guerreiro invencible, o amante desfeito pola morte do amado, o monstro implacable cando profana o cadáver de Héctor, e o home capaz de piedade cando cede ante un Príamo ancián e derrotado. Dalgún xeito, a obra vainos amosando un personaxe cada vez máis humano, a pesar da súa orixe semidivina.
A adaptación que agora publica Sushi Books permítenos unha achega inicial ao texto clásico sen que as reiteracións e digresións propias da poesía épica lastren a lectura a un público contemporáneo. Merecen unha mención específica as pasaxes que o autor decide omitir e tamén as que engade: a Ilíada narra o último ano da guerra, pero non o seu final. A famosa historia do cabalo está contida na Odisea, pero Baricco decide engadir un capítulo final pechando a contenda. Elimina tamén as pasaxes que se cadra son historicamente máis interesantes, como o famoso Catálogo de Naves, que nos proporciona unha información valiosísima sobre a Grecia micénica pero que ao lector ou espectador moderno parécelle unha enumeración de lugares e nomes propios, ao estilo das aliñacións futbolísticas. Baricco decide eliminar tamén a intervención dos deuses e quedar só coa parte humana da historia. Pode que as aparicións divinas sexan estrañas para a nosa visión actual (e incluso poidan despistar un pouco, porque os deuses homéricos tiñan o costume de facerse pasar por humanos: é Néstor, Atenea disfrazada de Néstor, ou Néstor inspirado por Atenea?) pero axúdannos a comprender como operaba o pensamento nas sociedades antigas, nas que o máxico e o real convivían sen ningún tipo de separación.
A aproximación de Alesandro Baricco á obra homérica pode ser un punto de partida interesante para quen teña interese na historia de Aquiles, e se cadra un paso previo ao poema épico orixinal. Dun xeito ou outro, a guerra de Troia e as historias humanas que enmarca sempre resultan apaixonantes.