Esta primavera, cuarto de inverno estreouse no eido dos álbums ilustrados e sacou do prelo tres obras: O nobelo de Nenuca de Irene Alonso Gasalla e Ángela Curro, Lola Feroz de Juan Baquero e Pablo Carreiro e O pirata Bruno de Olaia Sendón.
O nobelo de Nenuca foi, ademais, unha obra galardoada co Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer na súa terceira edición. Trata o tema desde a tenrura dunha relación entre unha avoa e un neto que falan sobre o pasado e seguen o fío dos recordos. Así, el pregúntalle a ela sobre a súa vida, o cabelo que tiña de nova, os xogos que a divertían de pequena, o seu traballo como enfermeira ou sobre como coñeceu ao avó. A través das súas preguntas e da súa curiosidade, axúdaa a lembrar e a se aferrar á memoria e tamén recompila a súa historia, que pode continuar a vivir entre as súas propias lembranzas.
Cada ilustración constitúe unha escena do pasado que revisitan avoa e neto seguindo o fío dun nobelo, que simboliza a memoria e as lembranzas. Este fío percorre tamén todas as ilustracións e destaca tamén como condutor da narración. As súas cores (amarela e violeta) destacan pola intensidade que as caracteriza e brillan sobre o resto dos escenarios compoñendo formas diferentes que debuxan os recordos da avoa.
Alén disto, o texto conta con xogos tipográficos con que diferencia as voces das personaxes a través de fragmentos en letra máis grosa, outros en itálica e outros en letra fina e recta. No plano estilístico, mestura prosa e poesía para dar ritmo e musicalidade á lectura en voz alta.
O nobelo de Nenuca é o conto perfecto para compartir non só coa cativada, senón tamén coas avoas e os avós para participar nese nobelo de recordos e tecer con el novas lembranzas que gardar na memoria.