Andrea Maceiras (A Coruña, 1987) é licenciada en Filoloxía Galega, en Filoloxía Hispánica e tamén doutora pola UDC. Publicou a súa primeira novela, ''Proxecto Bolboreta'' (Premio Micronovela do Concello de Soutomaior) no ano 2007. Desde entón leva doce obras publicadas, todas elas destinadas ao público infantil e xuvenil, e moitas delas recoñecidas con premios a nivel autonómico e nacional. En 2010 publica ''Violeta tamurana'', Premio Meiga Moira, galardón que volve acadar con ''Miña querida Sherezade'' no ano 2014. En 2013 sae á luz a súa novela ''Nubes de evolución'', finalista do Premio Fundación Nova Caixa Galicia e Premio Fervenzas Literarias. Con ''Volverás, golfiño'' queda finalista do Premio Merlín. En 2015 gañou o Premio Jules Verne por ''Europa Express'' e en 2017 foi finalista do Premio Raíña Lupa por ''O que sei do silencio''. Con ''Conta nove estrelas'', obra incluída na lista de honra da OEPLI en 2019, gañou o Premio Lazarillo 2018, así como o Premio Frei Martín Sarmiento. En 2020 gaña o Premio dos Clubs de Lectura da Consellería de Educación e obtén o Premio Merlín por ''A folla azul''. No ano 2021 faise co Premio Raíña Lupa por ''Que me pare o corazón se te esquezo'' e, ao ano seguinte, gaña o XIX Premio Anaya coa novela ''Alma de elefante''. En 2023 gaña o XLI Concurso de Narrativa Infantil Vila d'Ibi coa novela «O enigma de Sempreviva» (Xerais, 2025).

  • Título: O enigma de Sempreviva
  • Autora: Andrea Maceiras
  • Ilustrado por: Sara Porras
  • Editora: Xerais, 2025
  • Número de páxinas: 144

Por Violeta Meléndrez Doval

O enigma de Sempreviva

Andrea Maceiras

Xerais, 2025

O enigma de Sempreviva é a última novela infantil publicada por Andrea Maceiras. Gañadora do Premio Vila d’Ibi no 2023, a obra foi recentemente publicada na súa tradución ao galego como parte da colección Sopa de Libros de Xerais.
A novela ambiéntase en Sempreviva, un val inhóspito en que a terra é vermella e abandonado pola ausencia de recursos naturais e polas substancias tóxicas que o envolven. Así, a contaminación das minas converteu o lugar nun “esqueleto atrapado entre xigantes, cuberto cun manto vermello cheo de po” e deixou o seu derradeiro núcleo poboacional envolto nunha profunda soidade.
Malia os seus perigos e escaso atractivo, Senda vese obrigada a se trasladar un tempo á antiga escola de Sempreviva con seus pais, que pretenden recuperar a vida deste ecosistema grazas aos seus coñecementos sobre ciencia e bioloxía. Desde o momento en que contempla por primeira vez a paisaxe desolada, Senda comeza a sentir unha agoniante soidade por saberse a única nena da aldea e o aburrimento corróea con máis intensidade cada día.
Sentinela, unha intelixencia artificial, actúa como neneira e mestra da rapaza, mais a súa compaña non abonda para aplacar a soidade, pois a ausencia de natureza e de vida son máis fortes. Preséntase así unha oposición entre a natureza, cuxa conexión Senda procura desde o inicio da obra, e o mundo tecnolóxico ao que nos precipitamos como sociedade, incapaz de imaxinar ou comprender as emocións. Sentinela ofrece tamén un contrapunto de humor que fai rir por momentos e que axuda a descansar tras as emocións máis intensas.
Na súa procura de natureza, Senda encontrará un xirasol, un tesouro enterrado, un misterio que resolver e un amigo co que facer agromar a esperanza perdida entre a terra vermella. Esta é unha historia chea de sensibilidade e que desprende amor cara a natureza. Alén desta temática ecoloxista tan característica da autora, fálase doutras moitas cuestións relacionadas coas emocións, o amor, os vínculos, os soños, as ausencias, a memoria, a perda ou a arte. A simboloxía empregada e a escrita emotiva fan que cada palabra traspase o corazón como raízes de xirasol. Hai fragmentos que conmoven ata as bágoas, pero Andrea Maceiras sabe cultivar as emocións e sempre orienta os seus pétalos cara o sol para que envolvan a alma de quen le con calidez e esperanza.