Andrea Maceiras (A Coruña, 1987) é licenciada en Filoloxía Galega, Filoloxía Hispánica e doutora pola Universidade da Coruña, onde exerce actualmente como docente na Facultade de Ciencias da Educación. Publicou a súa primeira novela, "Proxecto Bolboreta" (I Certame de Micronovela do Concello de Soutomaior) no ano 2007. Desde entón leva publicados dezaoito títulos destinados ao público infantil e xuvenil, moitos deles recoñecidos con premios e traducidos a diversas linguas. En 2010 obtivo o Premio Meiga Moira con "Violeta Tamurana", galardón que volveu acadar en 2014 con "Miña querida Sherezade". A súa novela "Nubes de evolución" (2013) foi finalista do Premio Fundación Novacaixagalicia e obtivo o Premio Fervenzas Literarias. Con "Volverás, golfiño" (2014) quedou finalista do Premio Merlín de 2013. En 2015 gañou o Premio Jules Verne e mais o Fervenzas Literarias con "Europa Express", e en 2017 foi finalista do Premio Raíña Lupa con "O que sei do silencio". A súa obra "Conta nove estrelas" (2019) valeulle o Premio Lazarillo, o Frei Martín Sarmiento, así como a inclusión na Lista de Honra da OEPLI. En 2020 obtivo o Premio Merlín con "A folla azul", e foi recoñecida co Premio dos Clubs de Lectura da Consellería de Educación. No ano 2021 gañou o Premio Raíña Lupa con "Que me pare o corazón se te esquezo", obra tamén recomendada pola Fundación Cuatrogatos. En 2022 recibiu o XIX Premio Anaya de Literatura con "Alma de elefante", novela recoñecida tamén co Premio A de Literatura Infantil da Asociación Colegial de Escritores de España e o Grupo de Investigación LIJ da Universidad Complutense de Madrid. En 2023 publicou "Niño y jaguar" e "Burbullas de calma serena", coa que obtivo o Premio Follas Novas. Nese mesmo ano gañou o XLI Concurso de Narrativa Infantil Vila d'Ibi con "El enigma de Siempreviva" e en 2024 publicou "El silbido de la sombra", novela finalista do XVI Premio El Templo de las Mil Puertas. En 2025 obtivo, por segunda vez, o Premio Jules Verne con "O corvo sobre a neve".

Título: O corvo sobre a neve
Autora: Andrea Maceiras
Editora: Xerais, 2025
Número de páxinas: 240

Miguel Vázquez Freire

O corvo sobre a neve

Andrea Maceiras

Xerais, 2025

Quen estivemos hai 10 anos na illa de San Simón na entrega dos Premios Xerais, e volvemos estar hai apenas unhas semanas no Museo do Mar de Vigo nos Premios deste ano, asistimos a un singular déjà vu: os premios Merlín e Jules Verne recaeron nas mesmas mulleres que o obtiveran unha década antes. Só que as que daquela eran unhas voces novas hoxe son xa escritoras ben recoñecidas. Do Premio Merlín (Erin e o lobo de Érica Esmorís) tamén podedes ler a crítica nesta revista Criaturas. Agora é a quenda de falarmos da novela de Andrea Maceiras que obtivo o Premio Jules Verne para obras dirixidas á mocidade.

O corvo sobre a neve reúne características que a encadran no xénero da ciencia ficción. Desde os pioneiros (Mary Shelley, Jules Verne, H. G. Welles), este xénero dou voz á preocupación pola tensión ética entre a velocidade das transformacións que o desenvolvemento científico técnico produce, ou pode chegar a producir, e a capacidade do propio ser humano para controlalas e dirixilas. Hoxe atopámonos nun intre no que aquela velocidade se ten multiplicado, de maneira tal que semella que non hai nada que a imaxinación humana poida soñar que o poder tecnolóxico non teña creado ou estea a piques de crear. E con iso os límites humanos para controlar e dirixir ese poder, seguindo criterios de xustiza e mellora moral, téñense acrecentado. Vala este preámbulo para contextualizar a obra de Andrea Maceiras que aquí se comenta.

A acción sitúase nun futuro distópico cuxas causas non se concretan. O planeta Terra está baixo os efectos dunha extrema glaciación, o que pode sorprender cando agora mesmo do que se fala é do quecemento global. Mais debería ser coñecido que nos modelos do cambio climático antropoxénico a hipótese dunha glaciación, que convertería en inhabitable grandes zonas, aparece como un probable efecto secundario. Isto é o que toma como punto de partida a autora para narrarnos a aventura de Dryas, un rapaz de 17 anos que vive cos seus pais nun lugar illado dunha das Zonas Temperáns habitables. O relato móvese en dúas dimensións, cada unha construída arredor dunha voz diferente. Unha é a do propio Dryas, que irá marcando o tempo diexético dominante na aventura, seguindo unha marcha cronolóxica lineal desde eses 17 anos iniciais. A outra é a dunha enigmática “Intrusa” que o lector ou lectora non chegará a identificar practicamente ata o final da aventura, onde se producirá un inesperado xiro na voz narradora de Dryas. Non é ese o único segredo que o relato nos depara. Por que os pais de Dryas decidiron vivir afastados dos núcleos habitados? Cal é o perigo que os ameaza? Quen son eses “parias do frío” que seguen habitando as terras xeadas e a quen se lles nega o dereito a entrar nas Zonas Temperáns?

O lector ou lectora irá descubrindo que a resposta a estas preguntas o sitúa diante de algúns dos dilemas éticos máis radicais aos que a humanidade se vén enfrontando desde os inicios da era industrial. Está o dilema do desenvolvemento científico-técnico que xa preocupou aos pioneiros: así, é doado percibir as implicacións actuais da intelixencia artificial (IA) tanto nos traballos coma nos temores que asaltan ao pai de Dryas polo uso que se lle poida dar. Hai unha revisión do mito do Frankestein de Mary Shelley con conexións con A illa do Dr Moreau de Wells. Hai tamén ecos doutros clásicos distópicos, como Un feliz mundo novo de Aldous Huxley, con Deiwo, o amigo de Dryas que se rebela contra a xerárquica sociedade de control que afoga as súas ansias de liberdade. Hai, en fin, unha reflexión crítica sobre a dramática problemática da inmigración masiva hoxe de tan desgraciada actualidade.

Toda esta complexa problemática non aparece nunca en forma discursiva senón sempre como elementos integrados no proceso da aventura vital, e dramática, do mozo protagonista. Mesmo a elección de figuras que poderiamos vincular coas funciones estruturais do conto que identificou Propp (o donante, os auxiliares) posúe un forte valor simbólico: os “asistentes persoais” da familia de Dryas teñen a forma de animais e un animal, unha loba, salvará a vida do heroe. Semella un chamado a abandonar a violenta escisión natureza / sociedade que o maquinismo ultra tecnolóxico está impoñendo. Fica logo finalmente a aventura dun rapaz que, coma os heroes dos contos de sempre, se ve obrigado a deixar o acubillo familiar para enfrontar por si só os perigos do mundo, para vivir a súa propia vida. Se cadra, podería obxectarse que o rigor construtivo que a autora amosa no deseño do universo imaxinario onde sitúa o seu relato vese debilitado por uns capítulos finais nos que os conflitos se solucionan polo recurso a uns forzados Deus ex machina. Mesmo o lector queda coa impresión de que algúns personaxes, como Dasina, a irmá de Deiwo, ou o mesmo Deiwo, pedían unha maior presencia.

Con todo, cómpre aínda non esquecer outro compoñente esencial na particular arquitectura da que a autora dotou a súa obra: unha intelixente homenaxe ao mundo dos libros. Como en Fahrenheit 451 de Ray Bradbury, na sociedade autoritaria e tecnocrática da Terra sometida á glaciación a xente xa non le, mais a nai de Dryas conserva nunha maleta sete libros que acabarán xogando un moi relevante papel na aventura vital do rapaz. Unha fermosa forma de transmitir, sen sermóns didácticos, o poderoso valor da lectura, esa paixón (aparentemente) inútil que tan ben evocou Nuccio Ordine falando dos clásicos.