Nee Barros é coñecide en redes sociais pola súa importante labor na visibilización da diversidade, así como por divulgar literatura galega. Alén de creadore de contido, é autore. Conta con varios libros publicados, entre os que están 19 poemas para un virus 19 e Identidade. Para máis, participou en múltiples antoloxías e actualmente ocúpase da tradución ao galego de Heartstopper, unha saga de bandas deseñadas de Alice Oseman.
Con Nom estamos quebrades, foi galardoade co V Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil no 2022. A publicación pertence á editora cuarto de inverno, que sempre destaca polo detalle con que coidan cada unha das súas obras e pola diversidade do seu catálogo.
Diversidade é, de feito, unha palabra que caracteriza moi ben esta novela e as personaxes que habitan nela.
A protagonista é Eva, unha estudante de Filoloxía Galega que se sinte un pouco perdida. Seu mozo acaba de cortar con ela e comeza a preguntarse se haberá algo malo nela, algo que non funciona como debería e que a fai estar quebrada. Síntese alienada e incomprendida polo resto, mais tampouco ela está xa segura de quen é.
Ante esta situación, o seu mellor amigo Edu decide ser o seu guía nunha viaxe de autodescuberta que os levará a saír de festa, facer novas amizades e experimentar na procura da identidade de Eva, que cada vez ten menos certezas no que respecta á súa orientación sexual.
Malia a súa brevidade, a obra recolle personaxes de diferentes culturas, xéneros e orientacións, así como un repertorio de recomendacións musicais galegas do máis interesante (e recompiladas nun código QR nunha das primeiras páxinas). A diversidade enriquece, como xa dixen, a historia e representa moitas realidades por agora non moi presentes nas ficcións, como son a asexualidade, o arromanticismo ou as identidades non binarias. Neste sentido, outro aspecto de especial importancia na novela é o autismo, que se nos presenta desde a primeira persoa de Eva e a partir dunha posición nada estereotípica.
Outrosí, esta novela é orixinal e innovadora tamén por poñer no centro unha amizade no canto dun romance, algo pouco habitual dentro da literatura xuvenil e que penso que debería estar máis presente. Asemade, ao tempo que dá a relevancia que merece a este tipo de relacións, propón unha visión do mundo diversa e menos focada no romance e no sexo.
Para concluír, gustaríame engadir que a lectura deste libro pode axudar a abrir a mente de moitas persoas e dar acubillo á identidade de tantas outras que se senten, como Eva, quebradas e incomprendidas. Ademais, considero que o público albo está moi ben escollido por ser a adolescencia un momento en que están especialmente presentes as inseguridades, as dúbidas e a necesidade de se autodescubrir.