Unha xigantesca nave viaxa transportando aos sobreviventes da gran extinción do planeta Terra, na procura dun lugar no inmenso espazo onde atopar as condicións para colonizar un novo territorio que permita a continuidade da vida humana. Prevese unha viaxe de centos de anos, que require unha férrea organización social das varias xeracións de seres humanos comprometidas na gran travesía. Todo o rexe o proxecto ARCA. Esta é a premisa de partida, que o lector ou lectora descobre nas primeiras páxinas, e que certamente ten moitos antecedentes tanto na literatura como no cine de ciencia ficción. De feito, cabería dicir que a autora adopta moi conscientemente unha forma de relato que cabería cualificar de “clásica”, no sentido de que foxe de calquera experimentalismo literario e procura nos grandes referentes do xénero o seu modelo narrativo. Temos, así, unha voz narradora omnisciente que nos irá levando paso a paso a coñecer as inquedanzas duns personaxes adolescentes, que nos introducen no competitivo e selectivo sistema educativo que rexe na nave. A cronoloxía lineal do relato interrómpese, nun modo moi cinematográfico, en sucesivos flash back que irán ofrecéndonos as claves para desenguedellar as complexas tramas que se cruzan no interior das capas xerárquicas da nave. Neste sentido, as tensións que moven a acción remiten a antecedentes tan notorios como Un feliz mundo novo de Aldous Huxley ou o ciclo Fundación de Isaac Asimov. Como na primeira, en Nave atopamos unha distopía, é dicir, unha sociedade onde o desenvolvemento tecnolóxico está ao servizo duna organización fortemente xerarquizada e autoritaria, coas liberdades persoais limitadas e o futuro ferreamente programado. As protagonistas, a adolescente Néboa e as súas amigas Quenlla e Aurora, son individuos diverxentes que, ao xeito do Bernard Marx de Huxley, queren descubrir a verdade que se agocha atrás do discurso oficial dominante. Como na segunda, dentro do propio grupo xerárquico iremos descubrindo unha serie de figuras que, emulando ao psicohistoriador Hari Seldon, crean un proxecto clandestino e alternativo destinado a sabotar desde dentro o orixinario proxecto ARCA. Inseríndose nesa nobilísima tradición, Olaia Sendón desenvolve un universo propio enormemente coherente e ben estruturado, cunha rica e complexa galería de personaxes, cheos de arestas onde non faltan as figuras extravagantes que achegan un punto de intelixente comicidade (por caso, o alto, varudo e falangueiro Escaravello) e, sobre todo, o xogo de equívocos e disimulos que fai que case ningún sexa ao final como inicialmente parecía ser. Se cadra, poderíase obxectar que falta un “malvado” á altura da gran aventura que se nos fai vivir. Os máis dos que parecían merecer ese título logo descubrirase que non son tal. E, cando por fin aparece un que o é, resulta demasiado obvio e procura escaso xogo para a intriga do relato. Mais pouco empece esta pequena eiva (se realmente o é) aos logros evidentes desta espléndida novela, a primeira da autora, que demostra un dominio do oficio insólito nunha escritora que dá os seus primeiros pasos. Desde hai tempo se fai evidente que o xénero de ciencia ficción (entendido na súa acepción máis estrita de relatos onde o desenvolvemento científico e tecnolóxico ocupa un lugar central, coma ocorre tamén en Nave) deixou de ser, como aínda se podía dicir de algúns dos primeiros cultivadores, unha modalidade da literatura fantástica para pasar a ser unha reflexión sobre os dilemas cos que nos confronta a nosa máis inmediata realidade. As transformacións tecnolóxicas e, da súa man, as sociais que elas desencadean, van tan rápidas que xa non hai lugar para “inventar” o futuro porque o futuro xa está aquí. Cando Nave nos coloca diante do inevitable colapso do planeta Terra, alguén podería laiarse do seu pesimismo catastrofista. Ben ao contrario, como se pode ler nas páxinas finais, a novela lémbranos que “toda tecnoloxía comporta unha ideoloxía” e xaora que, se desexamos que a dimensión distópica que nela domina non se impoña na nosa realidade actual (e ben é certo, ai!, que existen múltiples sinais de que algo diso está xa a ocorrer), será preciso modificar, e facelo xa!, a actual dupla tecnolóxica – ideolóxica dominante. É, logo, unha advertencia non pesimista, simplemente realista.