Ilustrado por Fernando L. Juárez
Hogano parece que o Samaín se vai consolidando pouco a pouco na nosa terra, a pesar de non poucas resistencias e do evidente predominio que segue a ter a celebración do Halloween na nosa sociedade, explicable, sen dúbida, pola máis que notable influencia americana e anglófona que experimentamos nestes tempos de globalización. De todos modos, á altura do 2002, cando foi publicada a obra á que me quero referir, a situación era ben distinta, de aí a pertinencia de enriquecer a propia obra literaria cunhas verbas finais de Rafael López Loureiro, un dos promotores da Festa do Samaín, quen se ocupaba de apuntar as orixes históricas desta conmemoración. En todo caso, e como sinalou Ramón D. Veiga nun libro tamén para público infantil, publicado uns anos máis tarde, Violeta quere ser vampiro. Un conto do Samaín (Xerais, 2017, con ilustracións de David Sierra), que máis dará “se a celebración é de orixe celta, importada dos americanos ou se alguén a foi buscar ao mesmísimo Saturno. A cousa é divertirse”! E, sen dúbida, diversión é o que atoparán as lectoras e lectores de todas as idades que se acheguen a esta última obra e á dos irmáns Labraña.
Neste sentido, e máis alá destas consideracións iniciais, Indo para o Samaín é unha ben interesante e ben armada proposta literaria que nos ofreceron Carlos e Sabela Labraña para o tempo de Defuntos e, particularmente, para a celebración da festa das cabazas –de feito, na tradución ao castelán realizada polos propios autores a obra leva por título Camino al Samaín. La fiesta de las calabazas-. Desde un punto de vista argumental, estamos ante a aventura que emprende unha cabaza “pequecha, rabuda e retorta” para acudir a unha festa do Samaín, despois de ser desprezada por uns cativos, quen preferiron outras cabazas máis grandes e máis xeitosas, ideais para tallar caveiras arrepiantes ou mesmo trasnos trouleiros. A pesar da dor polo rexeitamento, a cabaza protagonista emprende o seu propio camiño e, pouco a pouco, vai atopando diferentes personaxes que representan elementos propios da época –caso das mazarocas, as follas caídas dun carballo, o vento ou un castiñeiro e as súas castañas– cos que dialoga e cos que vai compartindo a súa experiencia viaxeira, sempre encamiñada a atopar a dirección correcta para chegar á festa do Samaín. Niso está cando a atopan un avó e un neto, quen se lamenta, precisamente, de non ter conseguido unha cabaza para ese ano. Daquela, a cabaza protagonista deberá afrontar un novo rexeitamento? Ou confiando no xeito e na imaxinación do cativo conseguirá o seu obxectivo e, así, chegar a formar parte dunha celebración tan especial e máxica como a do Samaín?
Un dos primeiros aspectos a subliñar é que, fronte ao predominio da narrativa na LIX galega, sobre todo cando se trata de divulgar desde o literario determinados aspectos ligados ás nosas tradicións e cultura, aquí atopamos un texto teatral. Unha obra estruturada en sete escenas dun acto único que destaca tanto pola súa axilidade, como pola naturalidade e a fluidez duns diálogos que evidencian, con absoluta claridade, o bo facer do autor e mais da autora, non só na arte de crear espazos e situacións –perfectamente representados na obra e representables fóra desta–, senón tamén, e sobre todo, á hora de dar forma ao desenvolvemento da acción e á interacción entre os diferentes personaxes. Cómpre non esquecer que, precisamente, Carlos Labraña é un dos autores máis coñecidos e recoñecidos do panorama literario galego pola súa faceta como autor de teatro infantil.
Por outra parte, resulta moi acaída –tanto pola trama e os personaxes creados, como polas propias ilustracións e as cores empregadas, da autoría de Fernando L. Juárez– a exitosa contextualización outonal de todo o libro. Un marco perfecto no que imos descubrindo a importancia da amizade, da transmisión de saberes entre diferentes xeracións, da colaboración entre os que podemos ir coincidindo polos camiños da vida e, ao mesmo tempo, dalgo tan relevante -e que tende a desaparecer na nosa sociedade actual, chea de aplicacións e dunha sociabilidade cada vez máis distante- como é o bo costume de preguntar con educación e bo xeito polos camiños correctos para chegarmos á dirección cara a onde nos diriximos. Todo isto aparece no seo dunha historia de sabor clásico e tradicional, na que a superación do rexeitamento por motivos físicos adquire unha gran relevancia e na que, grazas á determinación, á afouteza e á superación da tristura, a protagonista desta historia logrará vencer o seu infortunio. Ademais, estamos ante unha peza teatral na que o propio medo chega a cumprir unha función sumamente destacada, neste caso, a de evidenciar a necesidade de vencer co poder da imaxinación o que nos parece pouco axeitado para a fantasía e a diversión. Porque, na noite do Samaín, todo é posible e máis con obras tan oportunamente executadas como esta dos irmáns Labraña que, sen dúbida, contribúe a divulgar unha festa que forma parte das nosas tradicións pero tamén a enriquecer o noso panorama literario no ámbito da #LIX, máis alá do paso dos anos.
Miguel García Fernández, @lectureo