É moi importante que os libros nos falen do que somos. Tamén das nosas tradicións e do que nos define. Andrea García Martínez é unha escritora e ilustradora galega que se estreou na literatura infanto xuvenil con Animais fantásticos de aldea, un libro que rende homenaxe ás raíces das aldeas e, máis concretamente, do Courel. Despois dese libro creado e ilustrado por ela mesma, hai uns meses volveu sorprendernos con Espertina e Esperpenta, unha obra na que atopamos a dúas bruxas pasteleiras moi especiais e que nos levan de viaxe nunha aventura chea de enigmas e maxia e, como acontecía cos Animais fantásticos, moi apegada a nós.
Espertina e Esperpenta son famosas na vila de Barbaloira polos seus ricos biscoitos de cenorias rancias que elaboran con paixón ata que un día todo cambia por Esperpenta desaparece misteriosamente, deixando a todo o pobo intrigado. A partir de aí comeza unha busca na que os nenos Seara e Lelo tentarán indagar onde se atopa, sen saber que ese camiño estará cheo de momentos inesquecibles.
A autora demostra unha gran habelencia á hora de construír e describir escenarios fantásticos e nos que todo é posible. De feito, aquí atopamos ecos de Los Cinco ou doutros libros que a todos os poderían vir á memoria cando pensamos na infancia. Ademais, tamén destaca pola súa capacidade para a creación de nomes sonoros, tanto de personaxes coma de lugares: dende o nome das dúas protagonistas, Espertina e Esperpenta, pasando polo dos nenos Seara e Lelo, o lugar de Barbaloira, ou outros secundarios como Perico.
A historia que se conta lévanos aos espazos máxicos da infancia, nos que adoramos os doces ricos, e tamén reivindica a figura do Apalpador, que é ese home barbudo que vén das montañas polo Nadal para transmitirnos valores relacionados co coidado do medio ambiente, da contorna e dos que están ao noso redor. Iso entronca moi ben coa filosofía de todo o libro, no que queda claro que a unión entre a veciñanza é importante para acadar obxectivos comúns e ser máis felices na vida.
As ilustracións que acompañan esta obra pertencen a Beatriz Castro e nelas destacan as cores claras que nos dan esa sensación de felicidade e de bo rollismo que antes mencionaba.