Érica Esmorís (A Coruña, 1977) naceu unha calorosa tarde de xullo preto da praia. O sol, o mar e os libros foron, desde o principio, os seus compañeiros de viaxe. Amante dos animais, estudou veterinaria e, aínda que exerceu uns anos, deseguida cambiou o bisturí polo teclado do ordenador e unha profesión máis creativa. Traballou nalgunhas das produtoras audiovisuais máis importantes de Galicia, tanto no departamento de desenvolvemento e guión como no de dirección. Como narradora, foi recoñecida con importantes premios, como o Premio Merlín de Literatura Infantil con «Nena e o mar» (Xerais, 2015), que volve gañar en 2025 con «Erin e o lobo»; o Premio de Narrativa Infantil Ciudad de Málaga con «Patio de luces» (Xerais, 2020), ou o Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil con «Esta é a miña historia e terás que crela» (Xerais, 2025). Outros títulos da súa autoría son «O poder de Amabel» (2012), traducida ao castelán, catalán e éuscaro, «Ulises e as cronoamigas» (2015), «Quen salva un can» (Xerais, 2019) ou o álbum ilustrado «Analfabeta» (Xerais, 2024), que asina xunto con Dani Padrón.

Título: Erín e o lobo
Autora: Érica Esmorís
Ilustradora: Blanca Millán
Editora: Xerais, 2025
Número de páxinas: 152

Miguel Vázquez Freire

Erín e o lobo

Erica Esmorís

Xerais, 2025

Dez anos despois de recibir por vez primeira o Premio Merlín con Nena e o mar, Érica Esmorís recunca no mesmo Premio coa súa nova obra. Quen daquela fora unha revelación, hoxe é un nome xa consagrado entre a nova xeración de autores e autoras na nosa lingua. Con Erin e o lobo, título da obra premiada, ofrece unha revisión de dous topos literarios xa con longo percorrido na literatura para a infancia. O primeiro, un regreso ao confrontamento entre o rural e o urbano, que en Galicia suscitou máis dun debate nos anos oitenta e noventa, nos que, á calor da aprobación da Lei de Normalización Lingüística, se produciu a primeira eclosión de obras para lectores infantís en galego. O peso evidente do ruralismo na construción do ideario autoidentificador do nacionalismo galego, desde o seu papel esencial na preservación da lingua, por non falar da figura emblemática de Balbino nunha das obras fundantes da nosa LIX (Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas), deu lugar a unha corrente reivindicadora do espazo rural, ameazado pola expansión urbana que, porén, axiña chegou a ser visto como unha opción pouco menos que retrógrada. Ou non era certo que o neno e nena lectores que se quería conquistar xa non se reflectían neses nenos e nenas que amaban as vacas e vían o campo coma un espazo de gozo e liberdade? Erín é tamén unha nena que nunca se aburre na casa solitaria no bosque no que vive cos seus pais, que xoga a facerlle cóxegas á súa vaca Paciencia, persegue as cabras Norte e Sur e conversa coas galiñas Mari, María e Maruxa. Pero Erín pouco ten que ver co neno de aldea Balbino. O relato nunca nos explica o por que da fuxida (porque dunha fuxida se trata, iso si o sabemos) dos seus pais fóra da cidade. Si saberemos que o principal impulsor desa fuxida é o seu silandeiro pai mentres que na súa nai é visible a nostalxia da familia que deixou alá. A visita da avoa materna e dun curmán de Erín, algo maior en idade, marca un corte decisivo no transcorrer do relato, onde os diálogos entre os primos ofrecen dúas perspectivas antagónicas, é á vez moi enriquecedoras nese antagonismo, da forma de entender o que é divertirse e que aburrirse para un neno de cidade (ou dun neno simplemente de hoxe, porque a vida urbana xa ten contaminado por completo o rural) e para unha nena, non de aldea, senón excepcional, que é esta Erín, inventada pola autora, que se erixe como unha alternativa posible ao que algúns sociólogos teñen cualificado de secuestro da infancia pola vida antinatural imposta pola civilización industrial e tecnolóxica.

O segundo topos remite a unha figura clásica e iniciática da literatura para a nenez, a Carapuchiña Vermella e o seu encontro co lobo feroz. Se o primeiro topos se desenvolve segundo un modelo diexético plenamente realista, este segundo sitúase decididamente dentro do fantástico marabilloso, emulando ao seu referente clásico. Nel os animais falan e a nena comunícase con eles a través da mediación dun libro atopado casualmente, que se converte nunha figura dun potente poder alegórico que adquirirá un ambiguo (e se cadra por iso máis poderoso aínda) sentido cando, coa chegada do primo, descubramos o seu contido auténtico que a nena, que aínda non sabe ler, ignoraba. Só hai un entre os animais do bosque que se resiste ao engado da nena e o libro máxicos, o lobo Noite, expulsado da súa manda e temido por todos polo seu carácter vingativo. O encontro entre a nena maga e o lobo Noite, chamado a ser tráxico, acaba adoptando un xiro redentor que obviamente este comentario non vai desvelar, fóra de subliñar que esa redención nada terá que ver coas fórmulas ao xeito ecolóxico ou similares que desnaturalizan ao lobo trocándoo, un supoñer, en vexetariano (fórmulas que só me parecen aceptables cando adoptan un carácter abertamente humorístico e paródico). Nada diso aparece neste relato, que se atreve a transitar por un vieiro moito máis arriscado no que ocupa o primeiro plano un tema sempre da máxima relevancia nos libros para a infancia: a percepción (ou o temor a) por parte do neno ou nena de non ser querido, de ser rexeitado polos pais. Un vieiro que, por ser arriscado, poida que por veces quizais non sexa de todo conseguido, porque non é doado conciliar o fantástico e o realista nun mesmo relato, , pero que, malia todo, deixa sempre no lector o pouco dunha aventura que paga a pena ser percorrida. E, de cara aos pequenos lectores, un monllo de suxestións para gozar e pensar.