Alba De Evan Freijedo (Vigo, 1987) é licenciada en Historia pola Universidade de Vigo e profesora de ensino secundario. En coautoría con Xabier Domínguez publicou a colección Naturizo, de educación ambiental, que conta con dez títulos até o momento, e dous álbumes ilustrados: Fronteiras de papel e A superavoa de Antón. En banda deseñada estreáronse co guión de Miquits. No eido da novela infantil publicaron A bruxa Selana, A pulga espacial, Maxia de pedra, Segredos soterrados e Rolando. Un fío resistente. Tamén escribiron os biopoemas de Rosalía de Castro e Luis Seoane. A título individual publicou a novela Varetai, protectora de espíritos.

  • Título: Dormen baixo terra
  • Autora: Alba de Evan
  • Ilustrado por: Iago Torres París
  • Editora: Boadicea, 2024
  • Número de páxinas: 115

Ivana Gómez Abuín, @libros_e_libros

Dormen baixo terra

Alba de Evan

Boadicea Editora, 2024

“Cando o silencio volveu reinar na canteira, o sangue empapaba a terra e filtrábase
lentamente ao subsolo”.

Imos falar de criaturas, das que habitan na tradición oral, nas lendas, nos segredos do pasado e como non, tamén das que habitan en nós. Alba de Evan estrea xénero coa súa primeira novela de monstros dirixida a público adolescente e adulto e faino dun xeito que no deixa indiferente e no que se ve moito da súa escrita.
O escenario xa de por si é tenebroso; Leiro, unha vila no medio das montañas, unha mina a ceo aberto que parte en dúas a paisaxe, ataques sen autoría coñecida na propia mina, e segredos, moitos segredos. Está protagonizada por Erea, unha rapaza nova na vila e polas súas recentes amizades; Héitor e Anaír. Será Héitor a única das vítimas ata o momento que describe, con pouca credibilidade por parte do resto, ao autor dos ataques como unha estraña criatura xigante.
Esta historia fala tamén desas lendas que percorren a nosa terra, de moiras, de restos arqueolóxicos, do espolio medioambiental que nos acompaña a diario, da loita pola defensa do patrimonio, de xente dividida entre o traballo no futuro e o coidado do pasado, é dicir, de temáticas que temos moi presentes e que resultan tamén moi interesantes para empregar esta novela para achegalas á adolescencia. Por iso conta tamén con unha parte didáctica, algo habitual na obra de Alba de Evan, como acontece con Maxia de Pedra (Xerais, 2021) ou Segredos Soterrados (Xerais, 2023). Aporta, polo tanto, información para consultar e ampliar sobre a minaría, as especies invasoras ou o activismo medioambiental, entre outras.
Falabamos de segredos e son Anaír e a súa nai as portadoras deles pero tamén son as herdeiras dunha custodia da tradición, desa mesma que acaba levando a Anaír a unha situación extrema, a unha loita interna e externa consigo mesma e có que habita baixo a terra da contorna de Leiro, que supón tomar decisións dolorosas pero necesarias.
Anaír, acompañada da ardua labor de Erea, será unha sorte de Once, a protagonista de Stranger Things, achegando a LIX galega á ciencia ficción dende un xénero pouco traballado pero moi interesante. O malo dos monstros, sempre, é que poden ser difíciles de controlar ou de vencer pero como boa novela de seres fantásticos e de intriga, a néboa oculta novos comezos. Contribúen a esta sensación de inquedanza e de intriga as ilustracións, en branco e negro, de Iago Torres París, de liñas simples, case bosquexos.
A novela deslízase entre a dualidade de quen somos realmente os monstros; se quen defende o seu ou quen o rouba, de xustificacións constantes de quen le e dubida entre o correcto e o necesario. A pesares dos elementos fantásticos non é difícil empatizar cos medos, coas inseguridades e coas relacións difíciles da adolescencia, coas obsesións das que as veces non somos quen de saír, da fraxilidade das amizades e da necesidade de loitar polo que importa. Pero sen dúbida, pola boa escrita de Alba de Evan, ao remate do libro séntese un leve arreguizo.
Escoita recomendada coa lectura: Onde todo empeza de Arrhythmia