O súpeto falecemento do docente Miguel López González, que asinaba os seus textos co nome de El Hematocrítico, sorprendeu hai algo máis dun ano ao mundo da cultura, non só en Galicia. Blogueiro e tuiteiro, a meirande parte da súa obra foi escrita en castelán. Eu entrei en contacto cos seus traballos dirixidos ao lectorado infantil coas súas intelixentes e escacharrantes revisións desmitificadoras de personaxes clásicos: Feliz feroz, Axente Riciños, O lobo con botas, Rapunzel con piollos (todas en Xerais). Un mestre do humor que amosaba unha extraordinaria habelencia para conectar cos pequenos e pequenas lectores, devoradores de relatos a quen non é doado conquistar.
Trala súa morte, Xerais publicou tres entregas dunha serie protagonizada por Dona Problemas, que é a que imos comentar nesta nota. As tres están escritas en primeira persoa, concedendo a voz a Xoán, axudante da súa especialísima amiga Carlota, de 10 anos (un máis ca el). Na primeira entrega, Xoán cóntanos como coñece “a Carlota, a Resolvedora, algúns a chaman a Catástrofes ou a Hecatombe, pero sobre todo Dona Problemas”, e este último será o nome que finalmente ela mesma adopte. “Carlota sempre sabe o que ten que dicir e o que vai responder aos demais. Ve cousas que ninguén máis é quen de ver e pensa cousas que non se che ocorrerían en mil anos”. Carlota ten, dinos Xoán, auténticos superpoderes, non coma os inventados dos heroes da banda deseñada e do cine, e úsaos para resolver os problemas dos seus compañeiros e compañeiras de escola, coma o propio Xoán. Porque o patio escolar “é coma a vida, e a vida está chea de problemas”. E así iremos comprobando como Dona Problemas resolve calquera problema, desde o máis pequeno ata os grandísimos, como integrar ao abusón Hugo Mazas o Mangallón nun grupo de expertos imitadores do pop coreano e mesmo, xa fóra do ámbito escolar, devolver o sorriso ao avó de Xoán.
O segundo encerra unha afiada crítica tanto á instrumentación das redes sociais por parte dos e das influencers, como á moda das pseudopedagoxías ludistas. A irrupción na escola dunha profe que se fai chamar ATPR (A Túa Profe Riquiña) provoca un auténtico feitizo tanto entre alumnado como profesorado, ao que só se resisten Dona problemas e o seu amigo. “Pódese embruxar xente a través de vídeos de Internet?”, pregúntase Xoán, e a resposta é si: “todo o mundo estaba a sufrir unha alucinación colectiva”. Ata o recreo, “o mellor momento do día, convertérase nun pesadelo”, cando ATPR decide implantar os “recreos divertidos”: “dinámicos, activos, colaboradores, equidistantes, cooperativos e transversais”… e obrigatorios! Mais velaí está Dona Problemas, arranxando un plan para desenmascarar a verdadeira faciana da Profe Riquiña. E farano en plena transmisión directa dos recreos falsamente divertidos, co que será o vídeo coa intervención de Dona Problemas o que se viralice, converténdoa, sen ela pretendelo,
en famosa.
No terceiro e último dos relatos, Dona Problemas enfróntase a un problema que a leva, xunto co seu axudante e narrador, fóra do ámbito escolar. A sona obtida despois da súa intervención contra a Profesora Riquiña (un personaxe que merece entrar na galería de mestras malvadas, a carón da Miss Tronchatoro da Matilda de Roald Dhal, ou a odiosa Matapitos de Gloria Sánchez), fai que apareza unha nena para solicitar axuda na procura da súa cacatúa desaparecida. A diferencia do primeiro relato, e como xa ocorría no segundo, neste a actividade dos dous amigos concéntrase na súa maior parte nun único, mais complexo, problema. Que será resolto pola infalible heroína, quen desta vez contará con colaboradoras externas, como unha xornalista e a singular Vaia Paxariños, unha muller especialista en aves.
Xunto ao humor, seguramente o poder destes relatos para atrapar ao lectorado novo ten non pouco que ver coa conexión cos hábitos da rapazada de hoxe, desde o uso dos teléfonos móbiles aos seus novos gustos musicais. Mais sen facelo con simple compracencia porque, aínda que El Hematocrito foxe da crítica apocalíptica, esa que demoniza todo novo artefacto tecnolóxico, non deixa de denunciar o seu mal uso, como temos visto no caso da profe influencer.
Finalmente, unha mención especial ás ilustracións, tan excelentes como eficaces, de Paco Roca, cunha observación que pode pasar desapercibida a algún lector ou lectora despistados: nada se di no texto da cor da pel da protagonista, condición (Carlota ten a pel morena) tan só amosada mediante a ilustración. Foi unha iniciativa do escritor ou do propio ilustrador? Non o sabemos nin tampouco importa. O importante a salientar é a significación que acada esta dobre decisión – facer explícito na a ilustración algo silenciado no texto-: co silencio normalízase a presenza duna rapaza de pel morena nunha escola galega; coa intervención gráfica faise algo que non é moi común nas ilustracións, activar a capacidade destas para achegar ao relato unha dimensión autónoma, para alén da simple reiteración do que xa está
dito no texto.