Ramón Gómez de la Serna é xornalista e escritor pertencente á Xeración de 1914. Aínda que se licenciou en Dereiro, dedicouse a escribir artigo en prensa, así como colaboracións radiofónicas e a impartir conferencias. Autor dunha ampla obra de ensaio, biografía, novela ou teatro, destacou sobre todo polo xénero das greguerías. Marc Taeger estudou deseño gráfico e ilustración en Barcelona e na FH de Trier de Alemaña. Afincado en Galicia, traballa como ilustrador e deseñador, con especialidade na animación, pintura, escultura e arte gráfico. Ten ilustrado diversas obras infantís tanto propias como doutros autores.

Título: 12 greguerías de luna
Autor:Ramón Gómez de la Serna
Ilustracións: Marc Taeger
Editora: Kalandraka, 2025
Número de páxinas: 32

Tensi Gesteira

As 12 greguerías nas ilustracións de Marc Taeger

Ramón Gómez de la Serna e Marc Taeger

Kalandraka

As greguerías son xogos. Palabras que saltan ao aire. Ritmos que se rompen e se volven xuntan. A vida en estado puro.

O escritor Ramón Gómez de la Serna foi quen acuñou por primeira vez este termo no ano 1910. Con el quería definir unha creación única, que consiste en textos breves de unicamente unha oración, moi parecidos aos aforismos e que adoitan expresan un pensamento filosófico en ton divertido, lírico e mesmo sarcástico. A idea que se agocha de fondo é facernos pensar pero facéndonolo pasar ben.

A editorial Kalandraka, que sempre atopa unha oportunidade de renovar os clásicos, publica agora 12 greguerías de luna, unha obra artística na que se recollen doce greguerías de Gómez de la Serna acompañadas da ollada ilustrada do artista Marc Taeger. Deste xeito, ambas se complementan dando lugar a duplas lecturas: a literaria e a visual.

Este album, que pode ler entre a cativada pero tamén gozar polo público máis adulto, recolle ilustracións que parten desas greguerías pero que a amplían ou mesmo van por outros camiños. É dicir, que non pretenden suplir as mensaxes, senón ir moito máis alá. Deste xeito, as imaxes que se xeran son múltiples, e lévannos a iles de emocións e sentimentos, que teñen que ver máis co terreo do abstracto e que Marc Taeger é quen de provocar en nós.

As greguerías versan todas sobre a lúa, que é ese ser que ilumina as nosas noites e que adopta tantas formas, coma unha pandeireta, ou fai diversas accións, caso de tocar a mandolina. Quizais precisemos máis ca nunca propostas coma estas que nos fan baixarnos do ritmo estresante ao que camiñamos e nos levan ao terreo do sensorial, que á fin e ao cab é o verdadeiramente importante e o que de verdade e en sentido último merece a pena.

Oxalá ficar sempre nas greguerías de Gómez de la Serna. Oxalá vermos bailar a lúa ao son dunha pandeireta. Oxalá non esquecer que, como dicía o inventor desta forma de escrita, “a greguería é o único que non nos pon tristes, cabezóns, pesarosos e tumefactos ao escribila, pois o seu autor xoga mentras a compón e tira a súa cabeza ao alto, e despois recóllea”.