Érica Esmorís (A Coruña, 1977) naceu unha calorosa tarde de xullo preto da praia. O sol, o mar e os libros foron, dende o principio, os seus compañeiros de viaxe. Amante dos animais, estudou veterinaria e, aínda que exerceu uns anos, deseguida cambiou o bisturí polo teclado do ordenador e unha profesión máis creativa. Traballou nalgunhas das máis importantes produtoras audiovisuais de Galicia, tanto no departamento de desenvolvemento e guión como no de dirección. Como narradora publicou as novelas infantís «O poder de Amabel» (2012), traducida ao castelán, catalán e éuscaro, e «Ulises e as cronoamigas» (2015). Coa novela «Nena e o mar» (Xerais 2015) gañou o Premio Merlín de Literatura Infantil. No ano 2019 publica na colección Merlín «Quen salva un can» (Xerais 2019) e, xunto con Dani Padrón, asina o álbum ilustrado «Analfabeta» (Xerais 2024).

  • Título: Analfabeta
  • Autor@s: Érica Esmorís e Dani Padrón
  • Editora: Xerais
  • Número de páxinas: 32

Por Tensi Gesteira

Analfabeta

Érica Esmorís e Dani Padrón

Xerais

Moitas das nosas avoas son analfabetas. Elas levan nas súas mans a terra que significa  supervivencia e foi por elas que as de hoxe, nós, podemos estudar e buscar as palabras. Por iso lles debemos tanto. E deberiamos agradecerlles todo e máis.

Analfabeta nace coma unha forma de reivindicación e de agradecemento. Ás avoas e avós, aos pais e nais e, en definitiva, a todas as persoas que sostiveron a vida pero que non puideron aprender a ler nin a escribir, ou aínda sabendo, non tiveron as oportunidades para considerarse “estudados”, como se adoita dicir. Érica Esmorís e Dani Padrón construíron un álbum ilustrado fermosísimo e que é necesario por esta mensaxe que nos traslada: ninguén debería ser máis ca ninguén. E que case todo na vida é cuestión de oportunidades e depende das cartas que nos repartan ao nacer.

Esta proposta, que pode ler tanto a cativada como as persoas adultas, lévanos a reflexionar sobre o analfabetismo e ata que punto, por veces, empregamos esa palabra como insulto sen pararnos a ver o que se agocha detrás. Pensando nisto, por exemplo, vénme á cabeza aquela cita do Gran Gatsby, a mítica novela de Scott Fitzgerald, que di: “Sempre que sintas desexos de criticar a alguen lembra que non a todo o mundo se lle deron tantas facilidades como a ti”. 

Analfabeta é o relato dunha nena de cinco anos que xa sabe ler e escribir. Ela está orgullosa, como debe ser, pero ás veces ten unhas actitudes algo soberbias cos seus compañeiros. Chámalles analfabetos, case coma un insulto. Aínda que ela non sabe que a súa avoa tampouco sabe escribir máis que o seu nome. Como xa se pode observar, o argumento é sinxelo a simple vista pero contén unha gran profundidade xa que é un exercicio de empatía, de agradecemento, de poñerse no lugar do outro, de non prexulgar, de buscar comprender.

O texto de Érica Esmorís acompáñase coas ilustracións de Dani Padrón, cunhas cores ocres, case outonais, e cun trazo fino que fan que esteamos ante un álbum que destaca pola súa vontade estilística e dun gran gusto estético.