Cecilia Heikkilä é unha diseñadora gráfica e ilustradora e traballa principalmente con libros para nenos. Creceu en Dalarna e é a aclamada autora e ilustradora de The Christmas Jumper e Badger's Journey.

Título: A última fronteira
Autora e ilustradora: Cecilia Heikkilä
Traducido por: David Álvarez
Editora: Patasdepeixe Editora, 2023
Número de páxinas: 15

Ivana Gómez Abuín, de @libros_e_libros

A última fronteira

Cecilia Heikkilä

Patasdepeixe, 2023

“Despois de que moitos lugares salvaxes desaparecesen, a última fronteira continuou existindo porque era moi difícil atopala”.
A textura das gardas deste fermosísimo álbum ilustrado xa é un bo presaxio. Cómpre acariñar a portada, o exterior, que parece un lenzo no que podes sentir as montañas e os paxaros, do mesmo xeito có interior acariña o corazón. Este libro, como resumo que garda moito máis, é a historia dunha viaxe que realizan un avó e un neto e que resulta unha metáfora da vida e das aprendizaxes que nos deixan os nosos maiores.
No caso de Cecilia Heikkilä, autora e ilustradora sueca, esa fronteira do título fai mirar cara unha liña que separa a natureza preservada, libre e salvaxe da civilización que lle vai roubando espazo. A viaxe que comezan o osiño e o avó é semellante a tantas outras aventuras que tentaron debuxar e cartografar os mapas de lugares salvaxes, que precisaban protección. Velaí tamén unha das temáticas desta historia; a posta en valor e coidado da natureza.
Pero tamén ten unha preparación previa, unha serie de aprendizaxes que parecen vitais como son coñecer as constelacións para guiarnos, facer un acubillo ou ler, ler moito! As marabillosas ilustracións, con unha estética moi pura, propia tamén doutras ilustradoras nórdicas como Zuzanna Celej, pero con cores moi potentes, amosan como o osiño e o avó van achegándose ao seu destino.
Canda pensan, con gran decepción pola paisaxe atopada, que xa chegaron, o lugar ao que van cobra o seu verdadeiro sentido; a última fronteira, ese límite non definido e inestable, diminuíu e foi obrigada a recuar pola man humana. Serán os seus habitantes animais os que os guíen ata o lugar soñado e lles permitan desfrutalo e entender que o outro lado da fronteira, aínda que minguando, segue vivo e precisa axuda e coidado para que as súas noites sigan sendo tan claras como para poder ver as constelacións
no ceo.
Este fermoso álbum ilustrado mestura a importancia da natureza, a fraxilidade dos ecosistemas, o noso poder destrutar, o papel de quen coida o pouco que queda das nosas orixes pero tamén as relacións familiares, a preparación e a viaxe que supón á vida, o valor das pequenas cousas, as aprendizaxes que recibimos de avós e avoas, dos nosos e das nosas maiores, para afrontar o mundo e que nos acompañan ata que cada un de nós chega tamén, nesa metáfora ben levada, á súa última fronteira.
Escoita recomendada coa lectura: Movemento de Shinova e Tanxugueiras