A Fraga das Avoas Invisíbeis é un álbum ilustrado con texto de Claudia Castro e imaxes de Yolanda López. Unidas pola poesía que ambas escriben, decidiron embarcarse nun proxecto conxunto en que conxugar as súas artes mais, neste caso, enlazando narrativa e debuxo.
Así, unen os seus talentos para crear unha historia chea de imaxinación e fantasía. Aínda que Verónica é a nena protagonista do conto, trátase da historia de moitas máis mulleres e é unha homenaxe ás nosas devanceiras e ás liñaxes femininas que se coidan cos lazos da sororidade.
Ademais, hai máis personaxes na obra, como as amizades con que Verónica xoga no colexio á procura do tesouro e comparte inquedanzas e creatividade ou Isaac, un neno que desafía a gravidade cunhas ás mecánicas.
Cando súa nai enferma de cancro, Verónica descobre a Fraga das Avoas Invisíbeis, o bosque máxico en que as nais se refuxian e viven máxicas aventuras cando están enfermas e pechan os ollos para descansar. Alí, habitan as avoas que xa deixaron este mundo e, xuntas, exploran a natureza e a harmonía que esa realidade de cor e alegría ten para lles ofrecer.
Trátase, pois, dun conto co que achegar á infancia temas duros e difíciles de asumir, como son a morte e a enfermidade, mais desde unha historia que apela á creatividade e á imaxinación e que envolve coas cores da alegría.
Para máis, fálanos da importancia do mundo interior e propón a literatura como refuxio en que nos acubilla cando a realidade é difícil de máis. Ás veces, debemos ser nós quen damos cor á vida para nos envolver de luz con que enfrontar as sombras e, para iso, a creatividade é indispensable.
As ilustracións mesturan lapis de cores e acuarelas para crearen un mundo de arcos da vella, bolboretas, estrelas, flores e mesmo tesouros piratas, tomando como base elementos propios da infancia para dar vida a un mundo cheo de luz e cor en que todo é posible.