Dous libros breves, pequeniños, que teñen na súa sinxeleza e aparente falta de pretensións a maior virtude. O primeiro é unha novela do xénero de aventuras fantásticas. O segundo, un conxunto de poesías que xoga coa ruptura dos tópicos de xénero nos relatos para a infancia tradicionais. Dous libros que, en liña coa traxectoria paralela do autor como contacontos e animador de obradoiros de poesía, non esgotan a súa forza comunicadora na recepción lectora senón que se proxectan como xermolo multiplicador dos potenciais creativos do lectorado. Libros, logo, que ademais de faceren lectores, abren vieiros para a expresión futura destes como creadores das súas propias invencións.
O primeiro propón unha nova volta sobre unha temática xa reiterada na literatura para a infancia da segunda metade do século XX, que tivo na Historia interminable de Michael Ende (1979) a obra clave: a estreita racionalidade da modernidade vista como unha ameaza contra a imaxinación e a aceptación dos mundos fantásticos, que atopan apenas na xente miúda o seu refuxio. A reviravolta que trae da man a aventura de Alonso Diz sitúa a dous rapaces, o pequecho e gordo Gabriel (que é gordo dínolo el mesmo no inicio do relato, de quen é el, en primeira persoa, o relator, e dínnolo tamén os debuxos de Víctor Rivas) e a espelida Lucía, comprometidos no rescate dos seres fantásticos que habitan o mundo mítico galego, fronte á ameaza da teimuda e escura SESEBEMAGA (quen queira saber da existencia desta perigosa organización, xa sabe, non lle queda outra que ler o libro). A Axencia Galega de Asuntos Máxicos cóntanos apenas a operación de rescate e protección dun trasno, co que se ofrece, por exemplo, a posibles continuacións que a rapazada lectora, nos seus clubs de lectura ou en encontros nas bibliotecas escolares, poida organizar para completar o labor de Gabriel e Lucía. Suxiro a lectura complementaria dos libros de Cuba, Miranda e Reigosa sobre os seres míticos para pescudar pistas, ou tamén a estupenda web Galicia Encantada: https://galiciaencantada.com/. E non pecho a porta a que o propio Miguel Alonso Diz prolongue en novas entregas a saga desta virtuosa Axencia Galega de Asuntos Máxicos. Atentos…
É ben sabido que nos contos que sempre (hoxe ben poderiamos ir dicindo: case sempre) se lle contaron aos nenos, os protagonizados por príncipes e princesas ocupan lugar principal. E sábese tamén que os primeiros acabarán tendo como misión principalísima salvar valorosamente ás coitadas segundas. Como o seu título anuncia, polos versos de De príncipes, princesas e outras andrómenas veremos aparecer príncipes e princesas, si, mais todos e todas dispostos e dispostas a levaren a contraria ao esquema imposto pola tradición. Teremos logo un príncipe arrogante e unha princesa folgazana, outro que sempre chegaba tarde e outra que non se vía fermosa porque os seus pais, os reis, se empeñaban en vestila de rosa; unha princesa sen medo nin príncipe, un príncipe que non tiña palabras para rimar con guerra
porque gustaba de se saber inútil na tarefa de derramar sangue; e unha Asociación de Mulleres Fartas de Ser Silenciadas, princesas todas, e outra de Homes Cansados de Pelexar, todos príncipes. Non é o primeiro libro dedicado a lectorado infantil que afronta a revisión desde unha perspectiva de xénero dos roles masculino / feminino nos contos tradicionais, e confío que non sexa tampouco o último, que queda traballo abondo por diante, máis como andan os tempos ultimamente. Si é un que o fai combinando a inventiva poética, en versos de rimas sinxelas sen suxeitarse a rixideces estróficas, cun humor moi accesible ás sensibilidades infantís, e que non renuncia a poñerse serio cando a cousa o pide, como no singular poema co que o libro se pecha. Tamén neste libro, como no primeiro, poderá atopar o profesorado ocasións para estimular a prolongación das moitas suxestións que nel se encerran con novas
achegas creadoras dos lectores e as lectoras.