“Son coma un neno que quere brincar coa música e encántame a imaxinación e a creatividade da xente miúda”

Texto: Tensi Xesteira

Case con seguridade, se dicimos Paco Nogueiras, moitos nenos e nenas do país comezarían a cantar ben alto os seus temas, pois a día de hoxe é un dos grandes contadores de historias e colleita gran éxito entre o público miúdo de todos os recunchos da Galiza. Diplomado en Graduado Social, é actualmente músico e actor. Tras formarse cos artistas Andrés Pazos e Fabio Mangolini, impartiu clases de teatro e dirixiu representacións en entidades culturais e escolas. Foi actor e percusionista de Els Comediants e Os Quinquilláns. Foi membro do grupo folk Ophiusa e tamén da Orquestra Os Modernos (Premios Martín Códax da Música na categoría de Orquestras e Grupos de Verbena no ano 2016) e tamén formou parte da compañía de animación musical infantil Os Tres TENedORES. Entre os seus traballos recentes atopamos “Son animal”, “C@nto contigo” ou “Brinca vai”, e outros moitos que podemos atopar tamén en formato libro da man de Kalandraka.


– Como comezaches a túa andaina no mundo dos espectáculos musicais para a rapazada?

Pódese dicir que foi dun xeito completamente “natural”. Levo toda a vida vinculado ao mundo da música e tamén ao mundo infantil. Son moitos anos compoñendo pezas e temas para outros proxectos, ata que hai once anos decidín comezar a facer os meus propios concertos para a rapazada. Había algo dentro de min que estaba desexando saír, unha necesidade artística e musical. Tan só “abrín a porta” a algo que era inevitable, facer os meus espectáculos musicais para a xente miúda. É algo que desfruto moito e non cambio por nada.


– Por que cres que é importante achegar a literatura a través de contacontos ou espectáculos de narración oral?


Porque o libro adquire unha nova dimensión, deixa de ser un conxunto de páxinas, ilustración e letras para converterse en algo novo. Esa teatralidade e expresión oral fan que a historia adquira un novo interese por parte do lector-espectador. O libro entra polos ollos (a través da ilustración e a interpretación), mais tamén polas orellas se lle engadimos música sonoridades. O libro sempre busca ao lector, e se lle damos ferramentas para facelo máis atractivo … mellor. Toda a vida se contaron contos nas familias, a xente maior contaba historias aos pequenos como entretemento e aprendizaxe. Usar a narración oral paréceme importantísimo para transmitir non só ocio, senón tamén valores e coñecementos, sobre todo cos máis pequenos.

– Nos teus espectáculos a relación e a interacción co público é moi destacable. De que forma consegues manter o interese?

Axúdome das propias cancións, repetindo retrousos, facendo coreografías e bailes, algunha sorpresa, e sobre todo usando o teatro e o humor. O humor para min é imprescindible, é a mellor ferramenta para “romper o xeo” e crear unha boa sinerxía coa rapazada. O meu obxectivo principal é que o público sexa protagonista de xeito activo, procurando facer unha festa especial de cada concerto. Isto inclúe grandes e pequenos, por suposto. Ten que existir un diálogo constante coa audiencia para telos ben metidos no espectáculo.


– Como é o proceso de creación das cancións e dos teus libros? De onde xorde a inspiración?


Os procesos creativos son sempre complexos e sobre todo, moi variados. Hai ocasións en que todo sae case sen querer, e outras, dás moitas voltas ata atopar o resultado que che convence. Ás veces ofrécenme facer unha canción sobre unha temática en concreto e outras é o meu propio maxín o que discorre ideas novas. Mais sempre me gusta traballar sobre unha frase ou liña musical central que identifica e define á canción, e a partir de aí, traballo arredor dela. Para facer os libros e espectáculos, sempre teño unha temática sobre a que quero traballar, que vou desmigallando en diferentes partes que me resultan interesantes ou atraentes. Esas partes vounas transformando en diferentes cancións que forman o traballo final, así teño un proxecto “pechadiño” onde todo ten sentido. É como unha familia de cancións que se complementan unhas a outras.


– A min gústame moito que trates temas da nosa tradición, coma os magostos, pero que os enlaces tamén co presente. Que fórmulas empregas?

A fórmula que máis me gusta, xogar. Son como un neno que quere brincar coa música. Teño moita sorte de ser galego e poder desfrutar dunha cultura tan rica e marabillosa. Temos un tesouro inmenso ao noso arredor do que podemos botar man , a través da nosa lingua, das nosas tradicións, de todo que nos identifica e nos representa. Así que procuro que estén sempre presente nos meus traballos. Eu proveño da música de raíz e folk, mais gústame mesturar a nosa música tradicional co resto dos estilos musicais, xa que considero que conviven perfectamente creando mundos sonoros moi atractivos e divertidos. O mellor é deixarse levar sen ningún tipo de medo. Un reggae para o Apalpador? Un rap para o magosto? … Por que non?


– Tes feito espectáculos con outros artistas, caso do ilustrador Marc Taeger. Como pensas estas propostas?


Case nunca as penso moito, hai que deixarse levar, xa que normalmente aparecen de xeito casual. Simplemente xorde. Non se pode perder a oportunidade de estar no escenario con artistas talentosos, e máis se son amigos … hai que aproveitar a ocasión. No caso de Marc Taeger, ao compartir autoría nos libro-cd “Extra!” e “Son Animal” da Editorial Kalandraka, probamos levar ao directo estes libros-cd do mellor xeito que sabemos, Marc poñendo a imaxe e eu a música. É moi divertido ver como cada canción se vai transformando nunha ilustración en directo. Resulta moi atractivo para o público, xa que o espectáculo entra polos ollos e as orellas. Teño tamén colaborado co Sr. Sagüillo, un artista dixital que lanzaba animacións en directo e que tamén gustaba moito ao público. Tamén teño colaborado con outros músicos, e con todos, foron experiencias marabillosas.

– Imaxino que dialogarás moito cos nenos e nenas que van verte antes e despois dos
espectáculos. Que che adoitan dicir? Lembras algunha anécdota curiosa?

A verdade é que falo moito con eles. Falo antes dos concertos e sobre todo, despois dos espectáculos. Desas conversas, saco moitas ideas para os meus traballos. Encántame a imaxinación e a creatividade da xente miúda. Normalmente comentan comigo sobre as cancións que máis lles gustan, ou que me escoitan na casa, na escola. Outras preguntan onde vivo, se teño fillos, cantos anos teño, se podo ir ao
seu aniversario, son moi curiosos. Despois de varios anos facendo concertos, hai moitas anécdotas, algunhas tenras, outras moi graciosas. Mais hai unha que gardo na memoria con moito agarimo: “Unha nena de 7 anos vén coa súa nai ao rematar un concerto co libro “Brinca Vai!” na man acabado de mercar.
Sacamos unha foto, daquela díxome que ela non falaba galego e que na casa tampouco falaban galego, pero como lles gustara tanto o concerto, ían comezar a falalo pouco a pouco coas miñas cancións.” Dinlle un bico enorme. Nese momento, medrei catro cuartas e sentinme o home máis feliz do mundo.
Hai moitas máis anécdotas, pero habería que escribir un libro (e non pequeno).


– Nas túas sesións gozamos tanto as persoas adultas como a rapazada. É algo buscado ou sae de forma casual?

O meu público preferente é infantil. Mais sempre procuro crear un ambiente propicio para que a xente máis adulta acabe mergullada no espectáculo. Hai recorrentes chiscadelas aos máis grandes durante o concerto para buscar a súa complicidade, a través de bromas, comentarios, referencias musicais, etc. Encántame a idea de que a xente adulta e a rapazada compartan unha actividade xuntos, unha hora de música, baile e humor. Así tamén logramos que queiran repetir, e xa sabemos que nestas cousas, cantos máis sexamos … moito mellor. Ademais, a música e o baile non entenden de idades, na miña opinión.


– Tes analizado os porqués do teu éxito entre a cativada?


Pois a verdade é que non. Habería que preguntarllo a eles, imaxino. Eu penso que non me ven como un cantante ou artista propiamente, senón como un compañeiro de xogos onde os convido a cantar, bailar e rir. O certo é que creamos unha relación moi bonita dende os primeiros momentos. A creación do personaxe “Paco Nogueiras”, vestido co seu chapeu azul, algo despistado, un pouco pillabán, axuda a conseguilo. Gústalles moito ver como vou tocando varios instrumentos musicais durante o espectáculo, que haxa coreografías, cantar retrousos xuntos. Nunha hora pódense facer tantas cousas … Dar cariño e enerxía son primordiais, pois eles van responder do mesmo xeito. O público sempre fai o 50% do espectáculo, dependo deles.


– Como ves o estado da literatura infantil e xuvenil na actualidade?


Coido que estamos nun dos momentos máis prolíficos que eu recorde. Hai moitísimos traballos e de moita calidade. Non esquezamos que temos un abano de escritoras/es, autoras/es , ilustradoras/es marabillosas e incribles con proxectos moi atractivos. Ben é certo, que probablemente existen moitas máis propostas para público infantil que para xuvenil. A ver se mellora neste aspecto. Temos que conseguir entre todos fidelizar aos lectores que xa hai e conquistar novos usuarios. Por suposto, hai moitas cousas por mellorar, pero seguro que se acadamos e atopamos unha boa sintonía entre institucións, editoriais, bibliotecas, escolas, familias e autores, o futuro será moito mellor. Por materia prima, non vai ser.

Comparte: