“As mulleres destacan traballando o terror”

Texto: Belén Puñal

Con Paula Carballeira falamos un 31 de outubro, nas horas previas á noite de Samaín. Non buscamos a coincidencia mais o certo é que a data non podía ser máis oportuna. Esta autora fai do medo transversalidade tanto na súa faceta de narradora oral como na súa escrita infantosuvenil, dende libros como  O lobishome de Candéan  ou Somos monstros até 13 avisos. Para ela, contar historias de medo é unha responsabilidade: facer da literatura conforto e escudo fronte aos terrores profundos que nos atravesan.

-Que fai que o medo teña tanta presenza na túa obra escrita e tamén oral?

-Ten que ver con certo sentimento de responsabilidade cara ao público ao que te dirixes porque é unha maneira de proporcionarlles ferramentas para enfrontarse aos medos. Eu creo que é unha responsabilidade nosa, sobre todo con xente que ten menos experiencia de vida ca nós: que grazas á distancia que proporciona a ficción, á creación de historias que teñen e non teñen que ver con nós ao mesmo tempo, poidan sentirse acompañadas en algo que  nos fai tan fráxiles como é o medo. Desde a sinceridade, porque todas as persoas lles temos medo a moitísimas cousas. Ademais, é un tema que sempre chama porque sempre estamos a explorar as cousas que aínda non sabemos como afrontar.

-E ti crees que os medos que acompañan a rapazada de hoxe en día seguen sendo os mesmos que sufrían a xeración das súas nais e pais?

 -Eu creo que hai varias clases de medos. Hai medos profundos que non cambian nunca porque van cos seres humanos, independentemente da cultura á que pertenzas ou do tempo no que vivas. Por exemplo, o medo ao descoñecido, que engloba moitos outros medos, como o medo á morte ou a que che fagan dano. Hai medos que teñen que ver con outros factores, como por exemplo, o medo ao mar ou ao río se vives preto deles porque sabes do seu perigo. E logo hai outras formas do medo que teñen que ver cos cambios sociais.

Trece avisos é un libro que está sendo empregado como lectura recomendada nos centros escolares. E dos centros escolares nace, dalgún xeito. Poderíasnos dicir como foi o proceso que seguiches até chegar a eses trece relatos de medo que compoñen o libro?

-A min gústame moito este tema e utilízoo sobre todo nos contos coa rapazada, e atopeime con que me demandaban escribir un libro sobre isto. Partín de obradoiros que dou sobre como contar historias de medo e dos referentes da rapazada, dos seus grandes medos. Ante a miña sorpresa, os seus grandes medos son os  de sempre: o medo ao abandono, ao que poidan agochar as tebras… De aí, e coas formas que me daban eles, as novas formas de contar os vellos medos, saíu a idea de Treces avisos. Tiña moi presente a quen ía dirixido e quixen facerlles ver que en Galicia temos unha tradición riquísima nese sentido, na que están moi presentes os avisos, ese estar en relación co que te rodea, coa contorna. Tamén reparei nas formas que lle damos aquí a criaturas ou a medos que coñecen doutras culturas e descoñecen da propia. Mesturando todo iso saíu Trece avisos.

-A nosa rapazada ao mellor non sabe o que é a Santa Compaña pero si ten moi presentes figuras da ficción estadounidense. Até que punto cres ti que permanece o imaxinario popular nas e nos adolescentes de hoxe en día? E ata que punto está sendo desprazado polo imaxinario foráneo?

-Está sendo desprazado até un punto moi elevado porque non hai competencia posible. Estamos falando da transmisión oral en relación coa transmisión virtual, a través de redes ou do audiovisual, que é moi rápida, moi inmediata, moi sensacionalista. Hoxe en día estamos ante un terror bastante superficial, do que non sae ningún tipo de catarse da persoa que o recibe, que queda máis co susto ca co medo profundo. Á rapazada explícolles o sensentido dos zombies, tal e como os ven nas películas, e dígolles que iso é a parte máis superficial de todo, ao igual que o Halloween é unha parte moi superficial da festividade celta ou incluso das festividades anteriores que se celebraban nesa época. Fágolles preguntas: Por que aparece esta persoa ou este morto así, ou esta morta? Que hai detrás disto? Como se pode elaborar esta historia? Porque, ás veces, non son historias elaboradas, son anécdotas, dirixidas á sensación ou susto do momento. Todo isto é manifestación da superficialidade na que vivimos. Agora é o efecto máis có contido.

-Cando falas de ir ao profundo nas historias de medo, a que te refires? Podes darnos un exemplo?

-Por exemplo, que hai detrás do vampiro ou do morto vivente, ou do lobishome? Detrás deles está o medo á morte. Ese é o contido profundo. Entón, como evitas ese medo á morte? Pois querendo vivir para sempre. Iso é o que está presente en todas as ficcións de todos os pobos do mundo. Por exemplo, a maldición que arrastran moitas criaturas ten que ver co contaxio, co medo á outra persoa.  Para min, ese é o contido profundo que está por debaixo das formas. E moitas veces ese contido non queda reflectido no que eles e elas len ou ven.

-Que elementos da tradición oral galega cres que poden chamar máis a atención dun rapaz ou dunha rapaza hoxe en día? Que notas ti que lles sorprende?

-Sorpréndelles moito, por exemplo, a Santa Compaña, todo o que a rodea, porque non e só a procesión de mortos, senón os detalles: que sexan mortos da túa parroquia, que cada parroquia teña a súa Santa Compaña, o que tes que facer se che aparece un defunto no camiño… Tamén todo o que ten que ver coa noite do Samaín. Cando contas contos sobre esta noite, ou fas referencia a aspectos da nosa tradición como deixar unha luz prendida para que as ánimas non se sintan soas, sorpréndelles moito porque xa non as coñecen,  porque xa perderon o contacto, porque xa non se contan contos de medo nesta noite, que era o que se facía antes. Agora faise o truco e trato.

-Porén, en centros e institutos de zonas rurais, aínda que está moi presente o imaxinario foráneo, seguen subsistindo elementos da tradición. Cando lles pides ao alumnado que falen de historias de medo reais, que lles aconteceron a persoas próximas ou a elas ou eles mesmos, aparecen os animais que avisan da morte, as almas en pena…

-Son cousas que, ao final, non son tan descoñecidas. Acontecen en moitos sitios. O que si é particular noso é esa permanencia do respecto á morte, ese respecto cara ao outro mundo. Por iso, cando se contan contos de medo, tomámolos en serio.

-Ás veces, nas aulas, á rapazada cústalle poñerse a escribir, pero se lle pides unha historia de medo fano encantadas…

-É que é esa necesidade. Cando fixemos o podcast de Trece avisos,  pedímoslles á rapazada que mandasen historias pequeniñas, e parecíanlles demasiado poucos os caracteres, porque necesitan explicar e escribir máis. Paréceme moi ben porque, mal que ben, aí estanse explicando, e sobre cousas moi fondas. Nalgún momento terei que poñerme coa segunda parte, cos Trece medos, e os rapaces e as rapazas do instituto dixéronme que tiña que escribir algo sobre ser enterradas vivas, un medo que xa Poe tiña.

-O medo está moi presente en moitos dos autores clásicos  da nosa literatura (Fole, Risco, Castelao, Dieste…) e tamén en clásicos da literatura infantil e xuvenil contemporánea, como Agustín Fernández Paz. Hoxe en día, cal cres que é a presenza do medo na nosa literatura?

-Hoxe en día as mulleres destacan traballando o terror. Non é que as mulleres non escribisen literatura de terror. Sempre a escribiron, dende a literatura gótica. Mais ultimamente estanse valorando moitas voces femininas na literatura de terror, que son dignas de valorarse porque escriben moi ben. Eu admiro moito a xente que escribe ben contos de literatura de terror, porque hai que escribir moi ben para producir ese desacougo e reflectir eses terrores profundos, máis que o susto. En Galicia temos moitos exemplos, sobre todo na literatura infantil e xuvenil mais non só. Ledicia Costas, por exemplo, dálle a todos os paus.

-É un tema co que se xoga moito…

É un tema que atrae moitísimo. É un tema co que xogamos moito porque está no noso sentido do humor, na retranca, e dende a retranca temos esa relación saudable tamén coa morte. Máis retranca ca en  Un ollo de vidro, de Castelao, imposible. E coido que é un tema que, hoxe en día, segue estando moi presente, sobre todo na literatura infantil e xuvenil, máis na infantil que na xuvenil. Na xuvenil, xa o sentido do humor ten que estar máis supeditado á historia, ao desacougo, e xa entramos no terreo do mundo adulto.  No terreo infantil, no que temos tanta liberdade para xogar, hai moitos exemplos. Xente da xeración anterior á miña, como Gloria Sánchez, Xabier Puente Docampo, Miguel Vázquez Freire, e tamén na miña xeración e na seguinte á miña.

-Dunha década para acó tamén xurdiron varios editoriais ao redor da literatura da fantasía e do terror, como Urco, Contos Estranos ou Boadicea. A que cres que se debe esta maior presenza editorial neste tipo de literatura?

-Creo que ten moito que ver co tempo no que vivimos e co que nos acontece. As inseguridades e as previsións catastrofistas que trae o final de século, o medo ao gran cambio que, ao final, para nós sempre é a morte, ese gran medo social a que desaparezamos como especie ou como sociedade, propicia que busquemos conforto na literatura. Coido que ten que ver coa pandemia, coas guerras que temos tan presentes, con todos eses cambios moi fortes e definitivos que nos fan cuestionar a existencia, que demandan da literatura ese conforto. Por que escribimos historias de terror? Tamén porque as lemos, para sentirnos confortadas, para sentirnos acompañadas, para sentirnos parte dun grupo que nos acolle. Tamén é verdade que, aínda que é un xénero que chama moito a atención, non dá moito para ter unha editorial.  Eu creo que das especializadas, en español Valdemar é unha das que ten máis continuidade pero tamén porque ten moito fondo clásico.

– Tomás González, que tamén xoga coa literatura de terror, comentaba nunha entrevista que en Galicia cóntase cun imaxinario popular moi poderoso, que se está a mesturar co cine de terror norteamericano co que medrou toda cunha xeración, e que iso está a crear unha nova literatura de terror. Concordas?

-Pois non teño datos para confirmarcho. Eu creo que ao final depende moito da autora ou do autor. Sempre lles digo aos rapaces e ás rapazas que as boas películas de terror teñen un bo guión, e iso vén de xente que sabe escribir. Por non falar de que  moitas delas están baseadas en libros ou en crenzas populares. Eu non creo que a literatura beba do cine á hora de escribirse. O que pasa é que vivimos na sociedade na que vivimos, na que o audiovisual está moi presente, e a maneira  de ler cambiou moito. Todas as persoas que escribimos temos que ter esa consciencia. A maneira de ler cambiou, sobre todo coa xente máis nova. Eu creo que simplemente escribimos en relación co tempo no que vivimos.

-Se a maneira de ler cambiou, como inflúe iso na maneira na que se escribe? A brevidade, a rapidez ou a inmediatez tan presente hoxe en día inflúeche á hora de escribir?

-Téñoo presente. Moitas veces non é tanto a brevidade porque ás veces os rapaces e as rapazas len libros enormes, mais o que pasa é que o contido non é moi profundo e lense rápido. Non estamos no século XIX, no que a xente se recreaba coas descricións nas novelas. Sei que agora estamos noutros tempos e claro que inflúe, ao igual que inflúe todo na túa maneira de escribir porque vives na sociedade na que vives. E tes que ser permeable, saber o que está acontecendo ao redor para escribir cousas que lle interesen á xente. Sen facer concesións, ollo. Tampouco é que escriba o que a xente quere ler. Escribo o que quero escribir e que creo que pode ser interesante para as persoas que len, especialmente se falamos dun tema como este, sobre o que hai moitas expectativas na xente que o vai ler, e que quere que todo aconteza xa. Pero a min gústame moito xogar… Quérelo xa, pero espera un pouquiño a que cho prepare.

-No FIOT de Carballo, o Festival Internacional Outono de Teatro, estreaches un espectáculo, As mulleres que viven soas. Precisamente sobre as mulleres que viven soas tamén se crearon moitos mitos, moitos tamén relacionados co medo…

-Si, porque ao final é o medo ao descoñecido. Unha muller que é dona do seu destino sempre mete un pouco de medo por toda esa herdanza cultural que levamos enriba. Estas cousas cambian pero tampouco tan rápido. Ligámolo no espectáculo con moito sentido do humor ás bruxas porque durante moito tempo, en todos os lugares, houbo mulleres maiores que viven soas, que responden a unha serie de características, que a xente asocia á bruxería ou coa feiticería, co feito de saber, coas mulleres sabias. A nós apetecíanos tocar ese tema no teatro e establecer cuestións sobre se isto segue pasando hoxe en día Fixemos un pase para institutos e interesoulles. Preguntábannos se coñeciamos a algunha bruxa, eles mesmos e elas mesmas sabían de xente da súa contorna que eran bruxas ou curandeiras… É un tema que chama a atención en Galicia, onde creo que temos unha maneira peculiar de tratar ese tema.

-Por que?

-Porque vivimos nunha sociedade rural, de núcleos de poboación pequeniños. As mulleres vivimos máis polo xeral, co cal danse moitos casos de mulleres maiores que viven soas. En núcleos pequeniños os rumores expándense doutra maneira e créase unha certa mitoloxía ao redor das mulleres que viven soas, para ben e para mal.

Comparte: