Olaia Sendón non cre na escrita paternalista. Coida que crianzas e adolescentes poden adaptarse a discursos máis complexos do que se considera para a súa idade. Destes relatos está cheo o seu ordenador, que é como un armario acugulado de prendas sen estrear. Ou estreadas en exclusiva para os seus dous fillos. Cando a irrupción da maternidade lle impediu seguir contando historias como sempre o fixera, saíndo a fóra cunha cámara na man, salvouna empezar a narrar para os seus dous fillos. Hoxe en día conta con dous álbums ilustrados publicados, A crebeira marabillas e A fotógrafa Perfecta, e cunha novela de ciencia ficción, Nave. Mais pronto sacará do forno O pirata Bruno, mentres segue a crear e a acumular historias no seu ordenador, teñan saída ou non, porque facelo é para ela algo orgánico.
-Empezaches a escribir literatura infantil e xuvenil cando fuches nai. Mais ti vés do audiovisual, do mundo do documental. Naquela rapaza que foi estudar Comunicación Audiovisual a Barcelona, había algo que che fixera pensar entón que nalgún momento te ías introducir no mundo da LIX?
-Para a xente que temos esta pulsión por crear, isto é unha parte máis da nosa personalidade. Para min escribir ou debuxar non é diferente de facer documentais, só que agora o fago dende a casa. Todo é o mesmo, aínda que cambien os procesos e os formatos. A crianza supuxo para min un dobre encerro, pois coincidiu coa pandemia. Non podía facer o que a min e gustaba, que era saír e expresarme. Comecei a contar historias máis que nada debuxando, probando co Ilustrator, con texturas, con Photoshop… As historias que sempre contara, sobre a Costa da Morte, sobre o poder do territorio, empecei a contalas para un público infantil. Foi un proceso que fixen sen ser consciente, de forma moi orgánica. … A min isto salvoume a vida.
-Eu diría que o documental segue estando moi presente nos teus álbums ilustrados, tanto nos temas que tratas (as crebas, a Costa da Morte, a fotografía…) como nese espírito de querer transmitir unha realidade…
-Cando naquel momento me preguntaban que andaba facendo, eu contestaba “nada”, porque non estaba creando vídeos. E de repente deime conta de que non era así. Estaba inventando historias para os cativos e isto é traballar, un traballo importantísimo. Empecei a poñer en valor todo este traballo que até entón non vía máis que como unha terapia. Publiquei A crebeira Marabillas e despois a Fotógrafa Perpetua… Nunca parei de facer cousas, independentemente de que tivese saída ou non. Teño un montón de historias no meu ordenador. A min gústame ter moitas cousas abertas a un tempo.
-Pódesnos adiantar algo do que teñas agora aberto?
-Proximamente sairá un novo álbum ilustrado, O Pirata Bruno, con Cuarto de Inverno. Tamén estou facendo unha ortografía visual para nenos con dislexia e para primeiros lectores, onde traballo coas palabras debuxadas. Eu tamén son disléxica, sen diagnosticar, e aínda que escribo e leo moitísimo, teño problemas coas faltas de ortografía.

-Os álbums naceron en ti de maneira orgánica. E Nave, a túa novela de ciencia ficción, naceu tamén de maneira orgánica?
– Isto tamén foi moi orgánico. A miña parella díxome que lería feliz unha novela de naves espaciais, e propúxenme como reto regalarlle un libro sobre o tema escrito por min para o seu aniversario. Quixen que fose unha reflexión sobre a sostibilidade, sobre o feito de que nos estamos cargando o planeta. Gústame que sexa un periplo, que os protagonistas estean ancorados no espazo, que se negue a idea de progreso…
-Foi a primeira vez que probabas co xénero novela?
-Xa para entón escribira como dúas novelas, que están no meu caixón, dunha forma moi divertida. Eu viña da escrita audiovisual, das clases de dramaturxia, de facer esquemas, escaletas, tarxetas, de planificar o momento e a páxina na que introducir o tema ou incorporar os puntos de xiro… Cando reenganchei coa escrita na pandemia non me apetecía facer iso. Apetecíame poñerme a escribir sen máis. Pero Nave ía ser un regalo, e quíxeno traballar como fixera sempre. Acabei o borrador da novela en trece días nos que tiven que estar encerrada no cuarto por ser positiva en COVID, mais sen ter síntomas. Os meus país levaban os cativos. Esa foi a oportunidade perfecta.
-Cando escribes falo pensando nun público infantoxuvenil ou non?
-Eu non creo no xuvenil. Os rapaces acúsano moito: “xa están estes puretas falando por nós e de como nos sentimos”. Hai certa literatura xuvenil moi paternalista, que nos di: “isto son os adolescentes e isto é o que fan”. Ao mellor é porque fun unha lectora excéntrica e lin sempre literatura adulta, a veces alternando con literatura xuvenil. Moitas veces vai isto con rebaixar o ton, con facer temas que lles ensinen aos rapaces…, e no fondo iso tamén é pensar que somos distintos. Eu non vexo que nesta etapa que é tan complexa, a adolescencia, haxa algo que lles impida chegar a conceptos máis adiante. Tendemos a infantilizar os contidos aos que os rapaces poden acceder.

-A literatura infantil e xuvenil é unha literatura moi de valores, quizais porque o seu principal público son os centros educativos. Na túa novela, Nave, máis que darlle á rapazada uns valores xa establecidos, fas que cheguen aos valores a través dos dilemas….
-Isto está feito dunha maneira consciente. Na miña época os dilemas filosóficos eran materia de estudo en ética, en filosofía…A min divertíame moito. E a ciencia ficción vai de adiantar posibilidades, de pensar que pasaría se… Porque a boa ficción é filosofía pura: pensar como reaccionaría o ser humano ante determinados cambios. Quería meter espírito crítico, porque necesitamos reformularnos as cousas, repensalas…Preocúpame da sociedade contemporánea o becerrismo, o cuñadismo, o afirmar que algo é así porque a min mo parece, o pouco valor que se lle dá aos expertos..
–Chama a atención de Nave que, coas súas case 300 páxinas, é unha novela bastante longa para público xuvenil…
-Cando presentei Nave á editorial, díxenlles que tiña segunda parte e comentáronme que as segundas partes nunca se venden. Por iso fixen o meu primeiro suicido comercial, que foi meter un libro de 300 páxinas para adolescentes, coas dúas partes no mesmo volume.
-O protagonismo é sempre feminino nas túas obras…
-Si, iso é consciente. Como todas as que nos criamos na segunda onda do feminismo, pensaba que eramos moi feministas por demostrar que nós tamén podíamos, pero non tiñamos en conta que estabamos actuando baixo os criterios do patriarcado. A primeira vez que escribín un guión o protagonista era un home e o meu profe preguntoume por que. Dende entón, antes de nada, penso sempre no cambio de xénero. E hai veces que non podo. Teño uns libros infantís con dous protagonistas varóns que non podo converter en rapazas porque os fixen cos meus fillos e son eles.
-Tes o armario cheo de proxectos…
-Ogallá saibas deles porque significarán que gañaron algo pero por agora andan por aí rulando. Non paro.
-En infantil, escribes moito pensando para os teus fillos e a idade que teñen nese momento …
-Cando presentei A crebeira Marabillas, penseino para infantil e foi publicado para primaria. Cos meus libros eu teño un problema. Entre o target para o que os imaxino e o target que lle aplican na editorial hai ao mellor catro anos de diferenza. A crebeira Marabillas ten moi pouco texto para que aprendan a ler, pero ten un universo, que segundo os especialistas, é demasiado complexo para nenos tan pequenos, que necesitan algo máis relatable. Eu creeino co fin de xerar un universo complexo para un neno pequeno. Por que non vai entender un neno que algo vén da praia? Xerais vende en coles e o problema é que A crebeira Marabillas esixe saírse das rutinas convencionais, unha unidade didáctica propia, que aproveites uns días para contar iso… Ese é o motivo polo que A crebeira Marabillas está na primeira edición.

–A fotógrafa Perpetua require aínda moito máis traballo por detrás, pois de fondo ten a historia da fotografía…
– O problema é que tes que xerarlle como unha camiña a estes libros. A fotógrafa Perpetua fíxeno para primeiro de primaria, por iso ten tan pouco texto, e en Xerais puxérono para nenos máis maiores. Ten un texto moi sinxelo pero un subtexto moi complicado e moi divertido. A miña teima dende entón é conseguir que se vexa o guai que é Perpetua. Porque Perpetua é moi divertido para nenos, funciona moi ben. De feito, o ano pasado no CEIP Seis do Nadal, en Vigo, tiñan un proxecto de centro sobre fotografía e usárono de libro de texto. Estiveron todo o ano traballando co libro. Por iso digo que se a conxuntura cadra vai como un tiro.
-Moitas veces, no profesorado estamos tan pendentes da transmisión de determinados valores, que ao mellor dámoslle prioridade fronte á calidade literaria…
-Hai miles de libros de adultos que poden falar deses valores. Entendo que é necesario crear etiquetas dentro da mercadotecnia, pero o que non podes é, como creador, irte coas dinámicas do márketing. Eu fago historias que me guste ler e coido que ese pode ser un bo achegamento. Eu creo que as narracións configuran a identidade dunha persoa. Iso si que me gusta moito traballalo cos nenos. Por iso lles fixen A crebeira Marabillas cando estaban en infantil. Si é certo que hai certos valores que para min son primarios, como a presenza das mulleres. Sabemos como educar unha nena, pero un neno? O problema dos nenos non é empoderalos, senón desempoderalos.
-En Nave, precisamente, hai un momento en que a protagonista, Néboa, decide desempoderarse como colona…
-Aí fálase de renunciar á túa posición de privilexio porque ves que iso é unha escravitude. Renuncias aos teus para que o teu mundo sexa máis xusto. Esa é a decisión que toma Néboa. Gustábame xogar coa figura da Venus de Willendorf. Por que se chama Venus esta estatua, cunhas tetas e unha vulva xigantescas, e sen cabeza? Houbo un señor que desenterrou esa estatua e viu que isto era porno. Mais estas estatuas basicamente o que destacan son os órganos que teñen que ver coa maternidade. Manchouse cunha mirada masculinizada. Fixádevos como se desempodera á muller máis empoderada do mundo.