Gaza no teatro para a infancia

Miguel Vázquez Freire

Permanecer como espectadores pasivos e impotentes, un día tras outro, mentres contemplamos nas imaxes dos telexornais, e lemos nas informacións dos medios de prensa, o espectáculo inhumano da masacre xenocida perpetrada impunemente contra o pobo palestino en Gaza polo exército israelí, supón unha das experiencias máis dolorosas para calquera cidadán ou cidadá comprometidos coa defensa dos dereitos humanos nun contexto mundial que, por desgraza, non está falto doutras situacións contrarias á preservación deses dereitos. Mais pode parecer que este sería un tema moi afastado do que cabe ver nun escenario teatral dirixido aos espectadores infantís. Non o pensaba así Luis Matilla, un dos autores de teatro para a infancia e a mocidade español máis recoñecido (e o máis premiado).

Luis Matilla: Manzanas rojas. Ilustracións de Federico Delicado. Anaya / Sopa de Libros 2004.

Como por desgraza o drama palestino non é cousa de hai apenas un ano, desmentindo o argumento do goberno israelí que xustifica a inxustificable masacre coa non menos inxustificable matanza de Hamás do 7 de outubro de 2023, Matilla escribiu nos dous primeiros decenios deste século dous textos ambientados nos territorios palestinos. O primeiro, Manzanas rojas (Premio SGAE de Teatro Infantil e Xuvenil 2002), desenvólvese en Cisxordania, nos anos en que Israel avanzaba na construción do muro de separación do territorio palestino, instituíndo un auténtico apartheid. O segundo, o mesmo título enuncia onde se desenvolve: Bajo el cielo de Gaza (Premio ASSITEJ de Teatro para a Infancia e a Mocidade 2014). A construción dramática nos dous casos adopta unha forma que cabe cualificar de realista, predominante na maior parte do teatro do autor, mais introducindo, tamén nos dous casos, un dispositivo distanciador (nun sentido próximo ao brechtiano) que por unha parte se abre a un espazo, non de fantasía, mais si da imaxinación, e por outra reclama a intervención reflexiva e evita a absorción emocional dos espectadores.

Luis Matilla: Bajo el cielo de Gaza. Asociación de Teatro ASSITEJ España 2015.

En Manzanas rojas a amizade dun neno palestino e outro israelí vese ameazada pola construción do muro que, na súa violencia material, encerra tamén unha violencia simbólica que se proxecta na intransixencia do pai xudeu e na mestura de resignación e resentimento da nai palestina. Fronte a esta realidade dramática, os dous nenos, Salim e Ariel, atopan nos seus xogos e bromas e en Yehá, un personaxe fantástico dos contos tradicionais árabes, unha xanela cara outro mundo mellor. A imaxinación como apertura do campo dos posibles contra o fatalismo determinista. Aínda que o realismo do final tráxico provisionalmente se impoña.

O dispositivo distanciador no caso de Bajo el cielo de Gaza é máis evidente desde que o pano se abre. Un grupo de rapaces e rapazas palestinos, disfrazados de animais, representan unha fábula dramatizada. De contado haberá entre os espectadores quen recoñezan unha escena de Rebelión na granxa. Será esa adaptación teatral da novela de George Orwell a que opere como ruptura do espazo opresivo no que viven o grupo de actores infantís, coordinado por un activista cultural co que colabora unha cooperante estadounidense. Unha ruptura que é á vez unha esixencia de reavaliación das relacións sociais e as decisións políticas que teñen conducido a esa situación de opresión na que os gazatís e as súas familias viven, incluída a posibilidade de que líderes que prometen liberar desa opresión acaben implantando novas formas opresivas, como denuncia a fábula antitotalitaria orwelliana, escrita contra a ditadura estalinista. Mentres que os dous activistas adultos representan o intento (previsiblemente chamado a fracasar mais que con todo merece ser sempre intentado) de procurar unha saída dialogada e democrática ao conflito árabe–israelí, nos rapaces e rapazas palestinos veremos debuxarse as conflitivas eleccións ás que se ven forzados. E de novo o final tráxico, coma acontece na mesma realidade á que a obra se asoma, acaba impoñendo unha lóxica de sangue e morte fronte aos utópicos soños de convivencia e paz.

NOTA FINAL

Cando pensei por vez primeira na redacción desta recensión, comuniqueillo ao propio Luis Matilla, bo e admirado amigo desde hai moitos anos. Contoume que acababa de escribir un texto sobre a súa obra Bajo el cielo de Gaza para o Congreso Mundial do Teatro para Infancia e a Mocidade celebrado este mesmo ano en Cuba, ao que fora convidado. Por desgraza, tivo que declinar a súa participación por motivos de saúde. Nese texto recoñecía que o personaxe da cooperante, Emily, estaba inspirado en Rachel Corrie, activista estadounidense polos dereitos humanos de ascendencia xudía que, en 2003, aos 23 anos de idade, morreu esmagada por un buldozer das tropas israelís, cando intentaba impedir a demolición da vivenda dunha familia gazatí. Luis xa non poderá ler esta recensión, faleceu en Madrid o 21 de novembro. Sirvan estas liñas como homenaxe a súa memoria.

MIGUEL VÁZQUEZ FREIRE

Comparte: